Plataforma Sanitaria: “O Sergas abandona a atención pediátrica en Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros”

A Plataforma Sanitaria da Mariña vén de coñecer que a ausencia xustificada da pediatra que atende os concellos de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros de novo está sen substituir. Únicamente o Sergas habilitou un facultativo de familia unhas horas en quenda de tarde para a atención protocolizada de neno san de cero a tres anos e para vacinacións.

Se ben esta medida alixeira algo a presión asistencial pediátrica nestas localidades, o realmente grave, segundo denuncia a plataforma, é o feito de que os nenos de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros non son vistos por pediatras cando teñen algunha enfermidade, salvo caso de gravidade, xa que tampouco hai pediatras nos Puntos de Atención Continuada e no sevizo de urxencias do hospital da Mariña son vistos polos facultativos de urxencias en primeira instancia. “Resulta cando menos sorprendente tamén, que o servizo de Urxencias do hospital da Mariña non dispoña de pediatras no mesmo para atender ás nenas e nenos que entran pola porta, sendo dos poucos hospitais que carece destes profesionais en urxencias”, denuncian.

“O Sergas sabe da indignación que existe nas nais e pais dos nenos destas localidades e cónstanos que as demandas lles chegaron por escrito”, pois durante os meses de outubro , novembro e decembro fixéronse efectivas máis de dúascentas cincuenta reclamacións destes tres concellos demandando un servizo de pediatría estable e continuado.

Desde o colectivo sanitario queren advertir que “de tanto tensar a corda co caso da deficiente atención pediátrica” na comarca, esta pode romper desencadenando unha rebelión social masiva de consecuencias incertas. “ A Plataforma sanitaria xa está a estudar a situación para analizar e decidir que actuacións levaremos a cabo e que, en todo caso, serán contundentes”, conclúen desde o colectivo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo