Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da Deputación, Darío Campos, o Subdelegado do Goberno Ramón Carballo, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira e outras autoridades, participaron este mércores na homenaxe ás vítimas de violencia de xénero e ás mulleres maltratadas que o Concello de Lugo organizou diante da Árbore de Vida na Praza de Santo Domingo con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Estre os actos programados nesta emotiva homenaxe estaba unha ofrenda floral, a lectura dun manifesto e as actuacións musicais. Nesta ocasión, o manifesto do Concello foi lido por unha muller vítima desta lacra social, que acabou coa vida de 1.028 mulleres en España dende hai 15 anos e, no caso de Galicia 56. No que se refire a este ano, xa foron 48 as mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex-parellas no Estado, seis delas en Galicia.

O manifesto fixo fincapé na violencia machista como “a manifestación máis evidente da desigualdade de xénero e a máis grave violación dos dereitos humanos das mulleres”, ao tempo que incidiu na importancia de denunciar todas as formas de acoso sobre as mulleres, física, psicolóxica, sexual, económica, tráfico, trata e ciberacoso. “O machismo alimenta a nosa desvalorización, a cousificación dos nosos corpos e a falta de respecto ás nosas decisións”, recollía o manifesto. “Os micromachismos actúan para anular as mulleres”, engadía.

Tamén o Partido Popular por boca do seu presidente en Lugo e portavoz do Grupo Parlamentario Popular no Senado, José Manuel Barreiro, amosou hoxe, no seu nome e no de todo o Partido Popular lucense o “seu rexeitamento a calquera forma de violencia exercida contras as mulleres,  que é unha das secuelas máis importantes da nosa sociedade, así como o seu firme compromiso para a súa erradicación impulsado todas as medidas que sexan necesarias”.

“Hoxe e todos os días, as institucións e toda a sociedade no seu conxunto debemos loitar contra a violencia de xénero, para que siga sendo unha política de Estado; e aínda que unha soa vítima xa sexa demasiado, hai que recalcar que se está conseguindo reducir o número de vítimas desta secuela”, remarcou Barreiro.

O presidente popular lucense lembrou que, “por primeira vez en España, púxose en marcha unha Estratexia Nacional para a Erradicación da Violencia contra a Muller, para dotar ao sistema de prevención e asistencia de ferramentas máis eficaces, así como outras normas que atenden tamén ás necesidades das vítimas doutras formas de violencia e singularmente, ás vítimas de trata con fins de explotación sexual”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com