" />

Polbo a 12 euros e experiencia previa para as casetas do San Froilán

O Concello de Lugo acolleu hoxe unha nova reunión da Comisión de Festas de cara ao San Froilán e na que se deu conta das novidades que recollerán as bases técnicas e administrativas do novo prego de licitación para autorizar a instalación das casetas e de caldeiros do polbo durante as festas patronais, que será por un período de 2 anos, ata 2019.

Nas modificacións, con respecto aos anteriores pregos, figura a xustificación da solvencia técnica, que se fará do seguinte xeito: mediante experiencia mínima de seis meses na realización dun servizo ou actividade similar a este contrato ou acreditando a titulación nalgún ciclo formativo de formación profesional ou similiar en hostelería, para o caso de non ter experiencia previa. 

En canto á garantía (fianza); para participar no concurso público será obrigatorio presentar unha fianza do 2% do prezo de saída e que no caso de ser adxudicatario e renunciase se lle incautaría e de ser adxudicatario e aceptar se convertiría en definitiva máis a diferenza ata prezo ofertado.

Así mesmo, cambiarase o prezo da ración de polbo, tendo en conta que este produto subiu no mercado, e que quedará fixado a 12 euros a ración de 250 gramos, e a botella de viño de mesa, de tres cuartos de litro, a seis euros. Mantense o prezo da ración de pan e dos cachelos, 1,50 euros 200 gramos para ambos os casos. As casetas poderán ofrecerlle ao público outros alimentos e bebidas complementarias que non estean reguladas no prego, debendo colocar, tanto no interior como no exterior da instalación, o cadro de prezos autorizado, con cantidade, peso e volume ofertado, visado polo Concello. Para o ano 2019 os prezos poden variar dependendo do prezo do mercado do produto nese momento.

Ante estas novas, a edil popular, Encarna Amigo aplaudiu que os socialistas “rectificasen” e admitan primar a experiencia hostaleira nas casetas do polbo. Amigo pregúntase que foi o que lles fixo cambiar de opinión e rectificar a súa postura para darnos finalmente a razón”. Os populares lamentan que “a cerrazón inicial dos socialistas fose motivo de desprestixio dun dos reclamos gastronómicos do San Froilán e confía que non se repitan as polémicas en torno á adxudicación das casetas”.

Tamén se congratulaba á saída da Comisión a portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, quen amosou a súa satisfacción porque o executivo vaia incorporar ás bases do contrato aspectos que a súa formación viña reclamando hai tempo como a experiencia no sector e a inclusión de garantías económicas. A portavoz de Lugonovo apostou tamén por incrementar a participación das asociacións locais no deseño e desenvolvemento dos actos culturais. “Gustaríanos que foran unas festas para todos e a gusto de todos e cremos que, ademais, existe na cidade un amplo elenco de artistas e de agrupacións con propostas interesantes e variadas, tanto no ámbito das artes escénicas como da música, que o permite.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo