" />

Póñame un máster!

Sendo eu moi novo, só as familias con posibles ou as sacrificadas ata o límite (era o meu caso) podían permitirse que os fillos estudasen. Maxisterio foi o caso de moitos, e o meu, que estudando en centro privado, viñamos examinarnos por libre a Lugo, na procura do título que nos abrise as portas do futuro.

Pasaron os anos, e os estudos democratizáronse. E ao aumentar o número de títulos, foron sendo menos garantía de futuro. E quen aspirase a un determinado nivel, cursaba un doutorado para especializarse nunha materia determinada revalidada coa tese doutoral. E para completar a oferta educativa apareceron másteres en diversas materias, moi especializados, con rango universitario, que aspiraban a ser chave social e laboral e catapultaban aos titulares a postos de goberno e responsabilidade.

Resultou que, aínda que pode haber trampas no progreso educativo, os másteres dependen algo máis da política das universidades, e sóubose de másteres cuestionables porque o centro abrise a man na concesión, e políticos hai con problemas na súa carreira por másteres discutibles e discutidos. O caso máis recente, en Moncloa onde se veñen de borrar tres títulos da ministra Yolanda Días en Recursos Humanos, Relacións Laborais e Urbanismo, por inexistentes.

Nos anos 60, os títulos eran esenciais para acceder á cultura e á sociedade. Co tempo, soubemos que, á parte dos estudos regulados, o valor está nos coñecementos, experiencia e traballo. Pero algúns gobernantes son moi novos, con pouca experiencia para saber que pouco vale un título se o interior non responde. E que presumir dun máster inexistente, descalifica. Tempo ao tempo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo