Potabilizadora e depuradora ábrense ás visitas cidadáns para concienciar sobre o uso da auga

Mesmo 12 anos despois da súa inauguración, Lugo segue contando hoxe cunha das plantas depuradoras de augas residuais máis modernas e tecnoloxicamente avanzadas do país, premiada no seu día polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia co premio San Telmo.

Coincidindo coa data que a ONU dedica a Auga, cuxo día mundial celebrouse o pasado martes, 22 de marzo, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, realizaron unha visita ás dúas principais instalacións do ciclo da auga na cidade: a planta potabilizadora, pola que pasa a auga do río antes de chegar ás billas, e a premiada estación depuradora, que trata as augas residuais da cidade antes de devolvelas de novo ao río en estado óptimo.

No percorrido por ambas plantas tamén participaron o CEO de Gestagua, Rogerio Koehn; o director de Operacións, Gonzalo Murillo, o delegado de Gestagua en Galicia, José Rey; a directora da planta, Araceli Iglesia, e o xefe de mantemento, Manuel Paz.

Tras o percorrido, acordaron impulsar xornadas de portas abertas nas dúas instalacións, sobre as que pivota o complexo sistema de abastecemento e saneamento da cidade, declarado no seu día de interese xeral. Freadas pola pandemia, estas visitas dirixíanse especialmente ao público escolar, aínda que a intención é abrilas agora a toda a poboación, para dalas a coñecer en detalle e, a través dese coñecemento, concienciar sobre un bo uso da auga.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, puxo en valor a excelencia das infraestruturas locais, nas que o Executivo municipal continúa a realizar investimentos para mellorar todas as dotacións e, en definitiva, a calidade da prestación nos domicilios: “Contamos cunha das mellores plantas potabilizadoras de toda Europa, cunha depuradora excelente, como así se demostra na organoléptica da subministración”.

Ademáis, engadiu, “levamos destinados, só no que vai de mandato, máis de 1,7 millóns de euros á renovación da cartografía do abastecemento coa eliminación progresiva do fibrocemento nas canalizacións públicas en diferentes barrios da capital, contribuíndo así a mellorar a xestión integral do ciclo da auga, o que tamén inclúe unha atención inmediata, durante as 24 horas do día, os 7 días da semana, de calquera incidencia que se produza tanto na rede de distribución como na de saneamento”.

Lara Méndez aludiu tamén á partida de 247.934 euros asignada en 2021 a fornecer á ETAP de carbón activo, un material co que se aborda a preparación da auga para o seu consumo, incrementando as súas calidades organolépticas (color, olor, sabor, turbidez, etc) e, fundamentalmente, o seu sabor.

Así, a alcaldesa lucense lembrou que a construción e posta en marcha da nova Estación de Tratamento de Auga Potable, en 2010, incorporou á potabilización da auga un moderno proceso de ozonización que permitiu diminuír á metade os valores de thrialometanos presentes na auga: “Isto fixo que, na última década, a traída pública de Lugo sexa unha das mellor valoradas pola OCU nos sucesivos estudos de consumo que realiza, poñendo de manifesto a aposta decidida do Goberno local non só pola sostibilidade, senón tamén pola calidade dunha prestación pública esencial para a veciñanza”.

A rexedora quixo aproveitar a celebración desta efeméride para instar a toda a poboación a un “consumo responsable da auga, un ben tan limitado como valioso – tal e como nos ensinou a pandemia – do que depende en boa medida a nosa saúde, a nosa alimentación pero tamén a conservación dos territorios, polo que toda a cidadanía debemos implicarnos en evitar, en calquera dos seus usos, o malgasto dun recurso tan necesario para a vida”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com