Presentación do IV Festival de Jazz & Blues de Ribadeo

Esta mañá tivo lugar a presentación do IV Festival de Jazz & Blues de Ribadeo, que organizan Game Over Productions e a asociación cultural Jazzeo, coa colaboración e patrocinio do Concello ribadense e da Xunta de Galicia, a través do Agadic.

Celebrarase entre os días 19 e 26 de xullo con catro concertos de pago no Auditorio Municipal e terá actividades paralelas como sesións de jazz ao aire libre no Cantón, un curso de baile de jazz e blues a cargo da profesora María Sanz e dúas festas na sala Rockuncho da vila.

O festival traerá a Ribadeo a José García Quartet, Bakin Blues Band, Velma Powell & Bluedays, Richard Ray Farrell, Ray Gelato & Claire Martin e Carla Cook.

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña dixo na súa intervención: “quedoume clarísimo que a afección pola música en Ribadeo, cousa que vía todos os días cando levaba o cativo á Escola de Música, tamén tiña a súa prolongación no ámbito do jazz, e isto frutificou pola demanda da xente que devece por cultura, e por cultura musical, nomeadamente polo jazz, quedoume clarísimo que aquí había pouso suficiente para que poidamos xa celebrar a cuarta edición deste Festival Jazz & Blues”.

O edil nacionalista sinalou que “este ano o festival trae novidades, vanse compaxinar concertos ao aire libre de entrada gratuíta con concertos no Auditorio e tamén haberá jam sessions, cursos de música e de baile de jazz, e unha proxección documental”.

Graña engadiu que “é unha programación bastante completa e desenvolvese ao longo dunha semana, dende o sábado 18, no que hai unha pequena jam session no Rockuncho ata o 26 de xullo, que sería a última actuación no Auditorio Municipal”.

Tanto Farruco Graña como Rafael Monteavaro, un dos promotores desta iniciativa, fixeron unha exposición pormenorizada do programa de concerto. “As actuacións no praza do Cantón son libres, as do Auditorio teñen un prezo moi asequible, que é de 12 euros para cada concerto. En todo caso é necesario saber que se vai poñer á venda un abono de 35 euros para os catro concertos de pago. Pódense mercar en www.codetickets.com, e como novidade este ano dicir que a billeteira do Cine Teatro estará aberta a partir do 20 de xullo para poñer á venda as entradas para os concertos do Auditorio e os días de concerto a billeteira do propio Auditorio Municipal abrirá a partir das sete da tarde”.

O día 18 de xullo, no Rockuncho terá lugar a festa de inauguración a partir das 23 horas. Haberá unha jam session con sorteo de entradas e de regalos. Os días 20 e 21 (luns e martes) coma novidade deste 2015 levarase a cabo no Auditorio Municipal un curso intensivo de baile de jazz & blues a cargo da profesora María Sanz.

Xa o mércores, 22 de xullo, ás 23 horas no Cantón dos Moreno, haberá cine ao aire libre coa proxección da película A film about kids and music, de Ramón Tort. Do 24 ao 26 de xullo na Escola Municipal de Música de Ribadeo terá lugar, un ano máis, un curso de música de jazz. E o 25 de xullo ás once da noite na sala Rockuncho jam session.

O concelleiro de Cultura animou “a toda a veciñanza a que aproveite a ocasión de gozar dun festival cunha excelente calidade, xente que pode vir logo de ter actuado en Donosti ou Ondarribia, xente con premios de relevancia internacional no mundo do jazz, e qué mellor maneira de ofrecer o bo gusto que temos pola musica de calidade”.

No Cantón dos Moreno actuarán José García Quartet o vindeiro domingo, 19 de xullo, ás 23 horas e Bakin Blues Band o luns, día 21, tamén ás once da noite. Estes dous concertos son gratuítos.

Velma Powell & Bluedays actuarán no Auditorio Municipal o 23 de xullo ás nove da noite. Velma Powell é unha cantante de Chicago, familia directa de Brownie McGhee. O seu repertorio basease nas súas propias composicións, así como nos sons clásicos do anos 40, 50 e 60.

O 24 de xullo será o día para escoitar a partir das 21 horas a Richard Ray Farrell, nado en Cataratas do Niágara leva máis de trinta e cinco anos nas estradas como músico consagrado coma un talento de primeiro nivel no mundo do blues. Ten colaborado cos mellores músicos de blues de todo o mundo e tocou nos mellores festivais.

Ray Gelato & Claire Martin actuarán tamén no Auditorio Municipal o 25 de xullo ás nove da noite. Ray Gelato mantén a tradición dos grandes showmen do jazz dos anos 40 e 50, interpretando arranxos orixinais sobre composicións da era do swing e Claire Martin, gañadora dos British Jazz Awards en sete ocasións, é considerada a primeira “dama” do jazz británico.

O Festival Jazz & Blues de Ribadeo rematará o 26 de xullo ás 21 horas coa actuación de Carla Cook, que canta de forma extraordinaria os grandes standards do jazz. Foi nomeada aos Grammy e todas as súas gravacións teñen recibido críticas excelentes. Chega a Ribadeo despois de actuar nos festivais de San Sebastián e San Javier.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com