" />

Presentada a candidatura de Marea Galeguista por Lugo

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Pancho Casal, acoompañou ao cabeza de lista de Marea Galeguista por Lugo, Iván R. Lombardero e ao resto da candidatura na súa presentación en Lugo.

Nun almorzo informativo, Casal asegurou que “fai falla que toda a cidadanía estea implicada na reconstrución do país”. Sinalou que “o señor Feijóo non é un gran xestor”, pois, segundo o candidato, “el sempre xestionou empresas públicas, onde se non había cartos para pagar as nóminas, chamaba a Facenda e xa llos daban”. A este respecto, engade que o presidente da Xunta “nunca tivo que sentir o que sinten os pequenos e medianos empresarios deste país a final de mes”. Para Casal, outro dos problemas do señor Feijóo é que está rodeado de “burócratas”, xente “que non coñece o país”. “Dubido de que moitos conselleiros saiban cando paga unha empresa en seguridade social dos seus traballadores”, afirmou.

O candidato á presidencia fixo referencia á visita de Casado a Galicia para asegurar que “logo din que Feijóo é moderado, outra mentira”. “A realidade é que Feijóo é o máximo expoñente do PP de Casado e da marquesa Cayetana”, asegurou Casal.
O candidato á presidencia foi moi crítico coa política económica da Xunta de Galicia, tratando de desmontar “o falso mito da boa xestión económica de Feijóo”. “Sumando todos os anuncios de partidas económicas nas roldas dos Consellos da Xunta de todo un ano, Feijóo prometeu unha cantidade de investimentos superior a tres orzamentos da Xunta, e logo é incapaz de executar o propio orzamento aprobado”, aseverou, engadindo que “non executaron o 30% do orzamento para innovación nin o 48% do orzamento para pesca en 2018”.

Pancho Casal insistiu tamén na necesidade de poñer en marcha unha solución urxente para Alcoa, esixíndolle á empresa que “se non quere seguir se aparte e venda, e que se non quere, pois a alternativa é que deixe todo aquilo como estaba, como figura na concesión”. Casal denuncia que todos os galegos puxemos cartos para baixar o recibo da luz de Alcoa pero “logo esa pasta vai para as eléctricas”. “Aquí hai xente que fala de tarifas eléctricas galegas; a min dame igual que sexan de Galicia ou do Kurdistán, o que quero é que sexan competitivas”, sinalou o candidato.

Así mesmo, dende a Marea Galeguista propuxeron desenvolver un gran parque eólico mariño entre Foz e Ribadeo. “Hai que lembrar que Galicia ten terreo fértil, auga, vento e mar, e os países que teñen iso son os países do futuro”, dixo, engadindo que “en Lugo poderíase producir enerxía limpa para garantir o futuro dunha industria máis sostible que dea traballo na provincia”.
Pola súa banda, o cabeza de lista da Marea Galeguista por Lugo, Iván R. Lombardero, afirmou que “Lugo ten una clara vocación agroforestal que ten hoxe unha enorme importancia económica e ten que seguir téndoa no futuro”. Porén, para garantir o seu futuro, seguno Lombardero, “ten que reorientarse cara a sustentabilidade”.
“Temos que garantir a demanda de madeira de calidade, proveer ás explotacións dunha base territorial abonda e nunha peza, e pór en marcha a compra pública de produtos locais de horta son algunhas das nosas propostas para un rural vivo diverso e sustentable”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo