Presentada a XXVIII Feira da Malla de Meira

Este luns, diante do Concello de Meira, tivo lugar a presentación da XXVIII Feira da Malla que se celebrará o vindeiro domingo, 18 de agosto, no centro da vila e que conta coa colaboración da Deputación. O evento inclúe actuacións musicais, exposición de artesanía e maquinaria, e demostracións de malla.

Dende o concello animase a todos os veciños e veciñas a asistir a esta cita xa asentada no calendario cultural e turístico da provincia que “promove, recupera e revaloriza as tradicións locais como sinais de identidade e de atractivo. Ademais, a través desta feira, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, difundimos e promocionamos a nosa cultura”.

A xornada comezará pola mañá co traslado das máquinas de mallar ao centro do Concello, onde permanecerán todo o día facendo demostracións deste tradicional oficio. Nesta cita tamén haberá xogos relacionados coa malla para os máis cativos e a exposición de artesanía e maquinaria antiga. Ademais, a música acompañará esta xornada de feira coa actuación das seguintes agrupacións: a Asociación Cultural 25 Xastres; o Grupo Folk Leirabuxo; Nove Ferreñas; Trío Muralla; a Banda de Música de Meira; a Banda de Gaitas da Escola de Música de Meira e a Banda de Acordeóns.

Inicios

A Feira da Malla de Meira naceu no ano 1992 co fin de manter viva esta tradición e que continúe enriquecendo ás novas xeracións. Dende entón e ata o día de hoxe, esta cita cultural e turística continúa a celebrarse reunindo a centos de visitantes ao longo de toda a xornada. A Asociación de Amigos da Malla de Meira organiza este evento co obxectivo de por en valor o oficio tradicional da malla.

A Xunta denuncia que non foi convidada á presentación

 A delegación da Xunta de Galicia en Lugo, ven de emitir un comunicado no que denuncia que “foi excluída da presentación da Festa da Malla de Meira, celebrada hoxe na Casa do Concello de Meira, pese a que o Goberno galego patrocina esta cita cunha achega próxima aos 3.000 euros (2.968 euros en concreto) por ser festa de interese turístico galego”.

A Administración autonómica lamenta “esta falta de respecto institucional, dado que sempre mantivo unha actitude colaboradora tanto co concello de Meira como cos organizadores do evento, que mesmo se presentou hai dous anos na Delegación Territorial da Xunta en Lugo”.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com