Preto de 200 colectivos mobilizaránse en decembro en contra das eólicas

Preto de 200 colectivos entre asociacións, plataformas e outras entidades anunciaron que sairán as rúas de 22 municipios galegos o vindeiro 11 de decembro en defensa das montañas, baixo o lema Eólicas, así non.

Segundo indican no seu manifesto, a situación de “espolio enerxético” na que Galicia, din, “volve ser territorio de sacrifio” diante dun modelo “oportunista e fraudulento” que esquiva a normativa legal para invadir “o noso espazo de vida”.

“Centos de proxectos que devalúan as economías locais, prexudican a calidade de vida das persoas, degradan as comunidades que vivimos no rural, atentan á titularidade da terra e á explotación dos seus recursos polos seus propietarios a título individual ou comunitario deteriorando ademais o medio natural, a paisaxe e o patrimonio”, manifestan os colectivos.

Entre outros motivos, denuncian o desenvolvemento masivo e “sobredimensionado” con falta de planificación das instalacións eólicas a grande escala sen unhas políticas de aforro e eficiencia enerxética que, din, “son irreversibles”.

“Non hai excepcións á súa localización: proximidade ás vivendas, invadindo tanto zonas de interese agrogandeiro como espazos naturais protexidos, e mesmo literalmente colocados enriba de petróglifos, de patrimonio irrecuperábel unha vez asentada a infraestrutura”, din os colectivos asinantes.

No manifesto, presentan un decálogo con 10 demandas para conseguir un novo marco normativo que contemple de cara a un “novo modelo eólico”. Entre outras medidas piden a moratoria das instalacións en tramitación, sexa cal sexa a administración competente, así como a redacción dun novo Plano Sectorial Eólico sometido a avaliación ambiental. 

Ademáis reclaman a  protección dos servizos ecosistémicos que prestan a biodiversidade e a xeodiversidade; así como a ampliación da superficie protexida de Galicia.

Os 173 colectivos asinantes solicitan unha transición ecolóxica ordenada, xusta e ao servizo do país. Así como o fomento do aforro, a eficiencia e a autosuficiencia e soberanía enerxética, o fomento do autoconsumo, a produción á pequena escala e a xestión pública galega. Na opinión deste colectivo, a transición enerxética debe partir dun plan orientado á redución das necesidades da sociedade e medidas de xestión da demanda.

Esixen, asemade, que o deretio á explotación do vento en Galicia, como recurso natural de caracter público, sexa outorgado a través de concesións con data de caducidade. Denuncian tamén que os parques eólicos, considerados por defecto de “utilidade pública”, malia ser de iniciativa privada, e prevalecen por riba de calquera outro dereito e implántanse sen diálogo por iso apoian que propietarios das terras afectadas, prevalecendo por riba de calquera outro dereito e implantándose sen diálogo social.

“Esiximos do Goberno Galego a aprobación urxente dos plans de conservación de especies en perigo e vulnerábeis, e a actualización e catalogación das especies no listado de Réxime de protección especial. O goberno debe esixir Estudos de Impacto Ambiental de calidade, independentes e non fraudulentos”, explican no seu manifesto.

“O actual modelo eólico prevé que aeroxeradores -que hoxe superan os 150 metros de altura- se coloquen a 500 metros das vivendas, unha distancia claramente insuficiente que ten efectos na calidade de vida das persoas, fomentando o empobrecemento da sociedade rural, depreciando os seus bens materiais, culturais e ambientais, constituíndo unha motivación máis para abandonar un rural que nos últimos 30 anos xa perdeu 2000 núcleos de poboación. Este muíños constitúen unha intensa contaminación acústica, risco de incendio, e impactos das infraestruturas auxiliares. Reclamamos ademais a retirada daqueles que aeroxeradores que xa se atopen nesta situación”, conclúen.

As mobilizaciones da nosa provincia realizaránse nos concellos de Becerreá (ás 12 h diante do Concello), Chantada (ás 12 h na Praza de Galicia), Foz (ás 12h diante do Concello), Lugo (ás 12h diante do edificio Multiusos da Xunta), Antas de Ulla (ás 12 h na Praza Nova da que partirá unha andaina), Meira (ás 12h na Praza do Concello) e en Vilalba (ás 12h na Casa da Cultura, un acto no que se realizará tamén un recital poético). Todas serán o 11 de decembro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com