" />

Preto de vinte concellos da provincia gozan esta fin de semana de actividades culturais

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade impulsa esta fin de semana actividades culturais en preto dunha vintena de concellos lucenses, a maior parte no marco do programa Cultura no Camiño, que no conxunto do verán programa actuacións en 41 municipios da provincia.

Con esta programación, a Xunta pretende dinamizar as vilas e cidades lucenses durante os meses de verán, pero tamén promocionar aos creadores galegos e colaborar coas industrias culturais logo de meses de escasa actividade a consecuencia da situación sanitaria.

Na provincia de Lugo sucederanse, dende esta tarde e ata o domingo, obras de teatro en Viveiro, A Fonsagrada, Friol, Ribas de Sil e Pantón, e un espectáculo de monólogo en Begonte; haberá actuación de maxia en Xermade e Monterroso, de novo circo en Meira e Becerreá, e de música no Incio e na Pontenova.
Os detalles da programación desta e outras iniciativas culturais impulsadas pola Xunta poden consultarse na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Tamén se desenvolven outras propostas, como O país das Bandas, que convoca en Sober un concerto da Banda de Música Popular de Muimenta (Lalín) para mañá, ás 20,00 horas, e outro da Banda de Música Municipal da Estrada en Pantón para o domingo ás 13,00 horas; ou Comicamente, que trae a Mondoñedo a Xosé Touriñán, Celso Sanmartín e Ledicia Sola esta tarde, a partir das 21.30 horas.

Exposicións e feiras do libro
Na cidade de Lugo, a Biblioteca Pública Provincial mantén durante este mes as mostras bibliográficas “Vacacións de cine”, “Descubrir Xapón” e “Un verán de lecturas”, e no Museo Histórico do Castro de Viladonga permanece a exposición “Itinerario do Camiño Real do Norte”.

Por último, cómpre lembrar que entre o 19 e o 22 de agosto celébrase a Feira do Libro de Foz, que organiza a Federación de Libreiros de Galicia co apoio da Consellería de Cultura.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo