Propostas que PSOE de Vilalba levará ao próximo pleno

Grupo Municipal Socialista presentará na primeira sesión plenaria do ano una serie de propostas que se impulse a creación dun novo albergue municipal para a acollida temporal de animais abandonados. As instalacións que se teñen empregado ata agora “non posúen as características estruturais oportunas nin os permisos pertinentes. Ademais, desde este grupo afirman que o concello está a refacer mediante obras de ampliación e acondicionamento as instalacións existentes sen cumprir co ordenamento xurídico vixente”,egundo vén de afirmar a voceira dos socialistas, Elba Veleiro

Por iso, piden que se proceda á construción dunhas instalacións axeitadas, nas que se dispensen aos animais alí aloxados as atencións hixiénicas e sanitarias adecuadas “co fin de asegurar os principios de bo trato aos animais, principio básico sobre o que levamos falando moito tempo sen recibir unha resposta responsable por parte do goberno local”, apuntou Veleiro.

Seguridade para os viandantes

Mediante un rogo, os socialistas pedirán, tamén, que se revise a colocación das tapas metálicas de acceso a diferentes servizos nas rúas e beirarrúas, “e de comprobar que non se atopan ao nivel da superficie, que se corrixa esta situación que está a ocasionar frecuentes caídas e traumatismos ás persoas que tropezan nelas”, comentou Elba Veleiro.

A situación das rúas polas xeadas frecuentes tamén están sendo motivo estes días de queixas veciñais, polo que tamén se solicitará que se estude a posibilidade de aplicar solucións “que diminúan as posibilidades de esvarar e sufrir caídas naquelas zonas do casco urbano máis afectadas, como a rúa Porta de Cima, a superficie fronte ao concello ou a parte posterior do centro de saúde”.

Accesos á Ponte Bermuz

Tal e como anunciaron en semanas anteriores, o PSOE solicitará por terceira vez que se constrúan os accesos á Ponte Bermuz, co obxectivo de mellorar a comunicación entre os concellos de Muras e Vilalba. Logo da votación en contra dos populares fai tan só uns meses, critican a petición do edil Amador Guerra de habilitar esta ponte para o seu uso, escasas semanas despois de opoñerse á mesma solicitude por parte dos socialistas no consistorio.

Pacto polo Clima e a Enerxía

Outra das propostas será un pacto de alcaldes polo clima e a enerxía, co fin de adherirse a unha iniciativa internacional para lograr que no horizonte do ano 2030 se reduzan as emisións de CO2 nun 40%. “A través de accións coordinadas desde a Oficina Española do Cambio Climático poderíamos contribuír á redución das emisións que provocan o imparable e progresivo efecto invernadoiro”, explican.

Petición de informes

Finalmente, os socialistas instarán ao alcalde a que solicite o informe técnico cualificado á empresa de prevención de riscos laborais sobre o cumprimento do especificado no PLADIGA 2016 ao respecto dos EPIs cos que se dotou á brigada municipal de extinción de incendios, “ante a inexistencia de documentación que garanta a legalidade de dita compra”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com