" />

Ramón Carballo supervisa as obras que se están a realizar na Biblioteca e o Arquivo

O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, realizou esta mañá unha visita á Biblioteca Pública e ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo para interesarse polas obras de mellora que se están a executar námbolos dous edificios e que financia o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a través da Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos de Cultura. Na visita estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Balseiro; o arquitecto responsable do proxecto, Manuel Martín-Rabadán; e a directora do Arquivo, María Dolores Pereira.

A actuación, que comezou a semana pasada e tén un prazo de execución de catro meses, contempla a reparación de deficiencias existentes nos edificios da Biblioteca Pública e do Arquivo Histórico. A empresa Ancodarq S.L. é a encargada de realizar estes traballos, nos que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte inviste 206.900,21 euros. Os traballos contemplan a restauración dos elementos de madeira e de cerraxería dos exteriores dámbolos dous edificios, así como o barnizado das fiestras e a renovación dos sistemas de saneamento. No caso da Biblioteca procederase tamén á reposición das luminarias, e no Arquivo, á reparación das humidades nos sotos e a sustitución da cartelería que está deteriorada, entre outras actuacións.

Os edificios da Biblioteca Pública, coñecida como Nodal, e do Arquivo Histórico Provincial, son de titularidade estatal, pero a xestión está transferida á Xunta de Galicia. A Biblioteca celebra este ano o seu 30 aniversario. Inaugurado o 5 de novembro de 1987, este edificio tén unha superficie total de 4.207 metros cadrados distribuídos en catro andares. Forma parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

O edificio do Arquivo Histórico Provincial foi inaugurado no ano 1988 e conta con 4.155 metros cadrados distribuidos en seis andares, con tres sotos para depósitos. A súa función é recibir, custodiar e difundir o patrimonio documental dos diferentes ámbitos e sectores da provincia, para o servizo da Administración e da cidadanía en xeral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo