Reaccións a concentración onte na demanda duns servizos ferroviarios de calidade

Logo da xornada reivindicativa que  se desenvolveu onte na praza do Conde de Fontao, fronte a estación do tren, para esixir para Lugo e provincia uns servizos ferroviarios de calidade os convocantes e algúns partidos políticos fixeron  valoración da xornada.

Os colectivos agrupados baixo a plataforma Lugo…Non Perdas o Tren, remarcan que a provincia de Lugo conta coas peores conexións ferroviarias de Galicia, xa que segundo os datos que manexan, está entre as catro ou cinco peores de España, xa quedou fóra da rede de alta velocidade, e nos últimos anos non deixou de perder servizos.

O Goberno da Deputación fai súas as reivindicacións veciñais para dotar duns bos servizos ferroviarios.

O Presidente afirmou que os servizos ferroviarios da provincia de Lugo están discriminados con respecto a outras provincias, e demandou ás institucións con responsabilidade neste asunto, que deixen as palabras e que pasen aos feitos. Campos Conde avanzou que con esta concentración, Lugo pon a primeira pedra para non quedar atrás. Neste senso, avanzou que esta provincia ten que ter as mesmas prestacións ferroviarias que o resto de Comunidades. Por último emprazou a todos os responsables políticos a remar na mesma dirección, “non basta con dicilo, hai que seguir pelexando por isto”, dixo.

Con este xesto, o Presidente da Deputación, fai súas as reivindicación deste colectivo, que reclama, a chegada do AVE; a posta de marcha do proxecto intermodal, que xa esta feito; trens por Lugo, dende A Coruña; e eliminación dos pasos a nivel na provincia, entre outras reivindicacións.

O Concello apoia as reivindicacións da plataforma para contar cuns mellores servizos ferroviarios

 A rexedora lembrou que “todo o tecido socioeconómico da nosa cidade e de toda a provincia reivindicamos unhas infraestruturas ferroviarias que son imprescindibles para o desenvolvemento de Lugo, para non quedar illados e conseguir co apoio de todos e todas que sexan unha realidade o antes posible”.

Candia entende que un bo servizo ferroviario “é unha necesidade básica”

A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, asegurou que dispoñer dun servizo ferroviario moderno e competitivo  “é unha necesidade básica desta provincia” e, engade, “traballaremos para acadalo”.

En concreto, a popular dixo que “continuaremos a traballar alí onde temos responsabilidades de Goberno para que todas as necesidades sexan cubertas”.

Entre as medidas postas en marcha polos gobernos estatal e autonómico, a presidenta dos populares na provincia citou, especialmente, a ampliación das frecuencias do traxecto Lugo-Madrid que pasaron dun único tren nocturno a catro frecuencias diarias (dúas delas enlazando co tren en Ourense a primeira hora da mañá e a primeira da tarde).

Candia tamén fixo referencia á xestión promovida pola Xunta dirixida a acadar fondos europeos que permitan o impulso ás estacións intermodais. Neste contexto, atópase, cita a popular, unha partida de 75.000 euros que o Goberno galego destina á redacción dos estudos previos para o deseño da terminal de autobuses incluída dentro da estación intermodal de Lugo. Ademais, os Orzamentos da Xunta recollen compromisos plurianuais por importe de 3,5 millóns euros para executar as obras desta infraestrutura.

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo