A reapertura de Cementos Cosmos crea 375 postos de traballo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou esta mañá na súa visita a Cementos Cosmos, que a volta á actividade desta empresa, en Oural (Sarria), permitiu a creación de 375 empregos na comarca. Conde estivo nas instalacións da empresa que se beneficiou da axuda ofrecida pola Oficina Doing Business: “Cementos Cosmos é un exemplo de como queremos traballar en Galicia, apoiando unha industria sustentable, a través da colaboración coas administracións para acompañar iniciativas eficientes e orientadas a mercado”, asegurou.

Tal e como destacou o conselleiro, o investimento de 3 millóns de euros de Votorantim para volver a poñer en marcha esta fábrica está a axudar a dinamizar a economía da comarca, non só polo impacto directo e indirecto sobre o  emprego, senón tamén polo valor engadido bruto que a explotación xera, sobre 10 millóns de euros anuais.

Conde tamén puxo en valor a aposta da planta por empregar combustibles alternativos que está a permitir unha redución dos custos de produción e o reforzo da súa estratexia exportadora, accións que, unidas á adaptación das instalacións, á creación dun novo laboratorio e á constitución de novos equipos de control ambiental contribúen a contar cunha fábrica máis eficiente.

Con respecto á plataforma online da Oficina Doing Business, en activo desde o pasado ano, o conselleiro destacou que contribuíu a poñer en marcha máis dunha vintena de proxectos empresariais -entre os que se atopa Cementos Cosmos- cun investimento total que rolda os 330 millóns de euros. A ferramenta naceu co obxectivo de actuar como unha canle directa con cidadáns e empresas para o impulso de proxectos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com