" />

Ribadeo insta aos propietarios de 700 parcelas a limpar os terreos antes do 1 de xuño

O Concello de Ribadeo está a enviar estes días preto de 700 notificacións a outros tantos propietarios de parcelas que a día de hoxe están a incumprir a lei de prevención e defensa contra incendios forestais da Xunta de Galicia. En outubro o Concello publicou un bando informando da obriga que teñen esas persoas de xestionar a biomasa forestal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, do núcleo rural e urbanizable, arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, etc., co obxectivo de evitar a propagación dos lumes que puideran producirse na época estival.

Aqueles propietarios que a día 1 de xuño non cumpran coa lei poderán ser sancionados ou o Concello mesmo ordenará execucións subsidiarias. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, vén de remitir hoxe unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que lle pide colaboración para axudarlle a que esta lei da administración galega se cumpra. O rexedor considera que Ribadeo é o primeiro concello de Galicia en poñer en marcha estas medidas, e agarda que outros moitos se sumen.

Suárez Barcia comentou que “visto o que pasou neste verán en todo o país, visto que afortunadamente Ribadeo quedou alleo a toda esa vaga de incendios, aínda que tivemos algún, pero é certo que non podemos encarar outro verán máis coa tensión coa que viviu moita xente aqueles días, incluso con mortes por mor dos incendios forestais”.

O alcalde ribadense dixo que “aquí todos temos obrigas, os propietarios do monte, os Concellos e tamén a Xunta de Galicia, pero o caso é que uns polos outros a casa sen barrer. Logo, cando chega o verán, chegan os laios e as culpas. Imos polo tanto traballar no inverno para que cando chegue o verán haxa infinitamente menos risco para as persoas e para as súas vivendas.”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo