Ribadeo recibirá máis dun millón de euros para rehabilitar os cascos históricos

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asinou hoxe en Santiago convenios coa Xunta e co goberno do Estado para a rehabilitación de vivendas e de espazos públicos nos cascos históricos de Rinlo e de Ribadeo. A inversión total ascende a máis dun millón de euros. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que é o investimento máis elevado da provincia de Lugo e que se sitúa á altura das grandes cidades galegas.

O rexedor explicou que “hoxe é un destes días que un pode dicir que coas cousas ben feitas e co traballo ben feito ao longo dun período de tempo van tendo a súa recompensa. O certo é que no día de hoxe, asinando estes novos convenios entre o Concello de Ribadeo, o Ministerio de Vivenda e máis a Xunta de Galicia, podemos dicir que Ribadeo se pon á altura, xa non dos Concellos do seu igual senón das cidades de Galicia que poden superar a Ribadeo vintecinco ou trinta veces en poboación, pero non así na inversión que vai recibir tanto o casco vello de Ribadeo como o casco de Rinlo, coa sinatura destes novos convenios”.

Suárez Barcia subliñou que “van permitir rehabilitar un total de 36 vivendas, para un período de tres anos, e ao mesmo tempo en rehabilitación destas vivendas entre os particulares, a Xunta e o Ministerio van aportar en total 807.000 euros. No que ten que ver coa reurbanización de espazos públicos, entre o Concello e o Ministerio, imos aportar 180.000 euros, e o que o Estado e a Xunta dan para o equipo técnico son 177.000 euros. En total 1.164.000 euros de inversión para Ribadeo en tres anos para os conxuntos históricos de Ribadeo e de Rinlo, que dalgunha maneira somos os que máis diñeiro público imos recibir de toda a provincia de Lugo, incluída a capital, e somos os que estamos á cabeza xunto coas grandes cidades do noso país”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com