" />

Ribas de Sil e a Deputación colaboran para crear un camping na localidade

O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela Vega, supervisaron o inicio dos traballos de construción do cámping de Ribas de Sil, que se están a levar a cabo nas proximidades da praia fluvial de San Clodio. Trátase da primeira fase de execución das obras, que conta cun orzamento total de 420.000 euros, dos que a Deputación achega 100.000 e o Concello a cantidade restante, con fondos propios, procedentes dos remanentes de tesourería de exercicios anteriores.

Santos Ramos sinalou que “este cámping supón unha gran oportunidade de hospedaxe para o Concello de Ribas de Sil, pois terá capacidade para albergar a un centenar de persoas. Ademais, constitúe unha alternativa sostible para ampliar a oferta hoteleira e responde a unha política de desenvolvemento orientada á futura creación do Xeoparque Mundial da Unesco, candidatura á que este municipio aspira xunto con Quiroga e Folgoso do Courel, e que se resolverá en 2019”.

Pola súa parte, Sotuela Vega apuntou que “é o investimento máis importante na historia do Concello, e no que temos depositadas grandes expectativas, ligadas á consecución do distintivo internacional de Xeoparque. Neste senso, é de agradecer o esforzo e colaboración da Deputación para que este proxecto poida saír adiante”.

As obras desta primeira fase, que estarán rematadas a mediados de 2019, consisten en traballos de urbanización, xardíns, e dotación de auga e luz na área destinada a cámping, ademais da construción dos edificios comúns, como a recepción, cafetería-restaurante e aseos. Mentres que a segunda fase consistirá no levantamento de 8 bungalós, de 36 metros cadrados cada un. Trátase da construción dun cámping municipal, que se vai habilitar preto da ponte sobre o Río Sil e da área recreativa, unha das zonas máis visitadas deste municipio da Ribeira Sacra. Estará dividido en tres áreas diferentes: unha zona de acampada, outra para caravanas e unha última zona de bungalós.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo