Rueda comprométese “a duplicar o parque público de vivenda de Galicia”

O presidente en funcións e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, presentou hoxe en Lugo o seu programa electora, que ten como obxectivo acadar uns resultados que lle posibiliten seguir a gobernar na próxima lexislatura- E para elo presentou un total de 870 medidas “baseadas nas prioridades dos galegos e pensadas para a que a nosa Comunidade siga sendo unha referencia de serenidade, apertura, sentidiño, fiabilidade, confianza, traballo e unión. O programa da Galicia que funciona”, sintetizou.

Dese total de propostas recollidas nas 177 páxinas do documento programático dos populares galegos, Rueda, presidente en funcións da Xunta, quixo destacar o compromiso de que “Galicia duplique o seu parque público de vivenda, pasando das 3.800 vivendas públicas actuais a 8.000 en 2028. E, nesta mesma liña, que para ese ano haxa tamén a disposición dos galegos, en réxime de alugueiro e a prezos accesibles, un total de 20.000 vivendas protexidas”.

Rueda destacaba na súa intervención que “Eu preséntome ás eleccións consciente do feito ao longo deses anos e do moito que queda por facer, para mellorar, para seguir orientando as nosas políticas ao que demanda a xente que é destinataria delas e para seguir servindo ao pobo de Galicia con lealdade e sen outra dedicación que aos galegos e galegas. Para iso é o programa que presentamos”, explicou.

A Galicia que queremos

Alfonso Rueda indicou que “o seu programa electoral é un documento onde se recolle a Galicia que quere e que é o resultado de analizar o que se fixo nestes e o que se quere facer a partir do 18 de febreiro”. De aí que incidise na importancia de obter “a credibilidade e a confianza da xente a través do cumprimento da palabra dada: O primeiro desafío dun político é ter palabra, porque quen ten palabra xera confianza. E a confianza gáñase prometendo só aquilo que sabes que podes facer”.

O presidente remarcou que o seu programa é “realizable e que nel non hai nada que non se poda sufragar cos cartos que hai no Orzamento deste ano ou dos anos vindeiros”. De feito, considera que “precisamente esa capacidade de ser realizable é o que fai “ambicioso” a este conxunto de propostas”.

“Se os galegos me dan a súa confianza, eu non vou ter que chamar á porta da Moncloa para preguntar que podo facer ou que non, nin vou ter que facer renuncias e escuras negociacións”, engadiu.

“Non podemos tolerar que se lle dea aos de sempre o que se nos nega a todos os demais. Eu non quero que se lle negue nada a ninguén, pero non vou permitir que a nós se nos negue aquilo ao que temos dereito”, concluíu Rueda afeando ao nacionalismo galego a súa “complicidade necesaria” ao respecto destes agravios e a súa incapacidade para “non conseguir nada” de Pedro Sánchez “a costa de tomarlle o pelo aos galegos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com