" />

Samos e O Incio arrancan coa restauración do seu potencial forestal grazas a 400.000 euros da Xunta

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou esta mañá no lugar de Trascastro (O Incio) o inicio das obras de restauración do potencial forestal danado por un incendio mediante a restauración hidrolóxica-forestal. Estas actuacións levaranse a cabo en varios montes dos concellos lugueses do Incio e de Samos. O delegado estivo acompañado polo alcalde do Incio, Héctor Corujo, e pola xefa territorial de Medio Rural, Olga Iglesias.

Ditas obras contan cun orzamento de algo máis de 400.000 euros, cofinanciado co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), e afectan a unha superficie total de 85,98 hectáreas. A maioría dos traballos realizaranse no monte veciñal en man común de Trascastro. Tamén se intervirá nos montes de San Pedro e Ferrería e Coto Redondo, no concello do Incio, e no monte de Coto Redondo, no concello de Samos. Todos estes montes están baixo a xestión da Xunta, a través dos respectivos convenios coas comunidades de montes veciñais en man común propietarias.

Javier Arias sinalou que con estas actuacións “preténdese recuperar o potencial forestal e a corrección dos desequilibrios hidrolóxicos ocasionados na cabeceira dos arroios”. Isto conseguirase coa creación de masas forestais en 50 hectáreas, a través da reforestación de case 30 hectáreas con piñeiro do país (Pinus pinaster) e piñeiro rubio (Pinus sylvestris), e a través de axudas para a rexeneración natural noutras 20, con bidueiro (Betula celtibérica).

Do mesmo xeito, as actuacións incrementarán a protección contra os lumes das masas creadas coa execución de máis de 30 hectáreas de devasas con pasteiros, a mellora de 12 quilómetros de vías e a construción de dous puntos de auga, amais da apertura dun novo tramo de pista de 600 metros e a creación de catro hectáreas de faixas de xestión da biomasa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo