" />

Sanidade acorda a suspensión preventiva do laboratorio da rúa Montevideo

A Consellería de Sanidade vén de acordar a suspensión preventiva da actividade do laboratorio de Saúde Pública de Galicia, co fin de evitar calquera posible exposición de risco do persoal que traballa no mesmo. Deste xeito, as instalacións do laboratorio emprazadas na rúa Montevideo 9, permanecerán sen actividade ata que se verifique que a calidade do aire interior reúne as condicións axeitadas. A suspensión provisional de actividade non implica a paralización dos traballos administrativos programados e, no caso de análises urxentes, derivaranse a outros laboratorios acreditados.

Días atrás xa se adoptou a suspensión de actividade do terceiro andar deste laboratorio, lugar no que se rexistraron os primeiros indicios, agora a medida preventiva esténdese ao conxunto do laboratorio e a outros espazos administrativos anexos como o rexistro ou a parte do departamento de epidemioloxía.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, avanzou a constitución dun gabinete técnico de seguimento para coordinar todos os traballos que se están a desenvolver dirixidos a recuperar a normalidade nestas instalacións.

Unha vez parada a actividade do laboratorio, procederase a levar a cabo novas tarefas moito máis afondo ao obxecto de planificar os traballos a desenvolver para a corrección definitiva dos problemas detectados. Para iso, o xoves próximo farase unha inspección in situ por parte de persoal técnico especializado e, a partir das conclusións obtidas, establecerase a folla de ruta a seguir, a cal incluirá a realización de toma de mostras e análise para intentar identificar os contaminantes que están a provocar esta situación.

Polo que respecta ao persoal, unha vez informados da decisión da paralización dos traballos no laboratorio, habilitarase a posibilidade de que poidan dispoñer dalgún lugar na Xefatura Territorial ou noutras dependencias da Consellería, co fin de que continúen desenvolvendo as tarefas relacionadas co seu posto de traballo específico, ou poidan estar pendentes, como a revisión de procedementos de análises, as melloras funcionais do aplicativo informático, a revisión de procedementos de calidade, a revisión do plan de xestión de residuos, etc…

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo