Santiago Cubillas repite como candidato do PP á alcaldía de Láncara

Santiago Cubillas repite como candidato á alcaldía de Láncara. Así o trasladou a presidenta provincial do PP, Elena Candia, ao remate dunha comida-homenaxe aos concelleiros do Partido Popular en Láncara dos pasados mandatos.

Candia trasladou aos homenaxeados o seu agradecemento “polo traballo desenvolto no municipio como parte do Goberno local e os anos de dedicación para dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas de Láncara”. A dirixente dos populares de Lugo asegurou, así mesmo, que “os veciños que traballan polos demais con vocación e dende o corazón son os que dan sentido ao Partido Popular”.

A presidenta provincial cre que “o traballo é o mellor aval”. Así, puxo en valor “o traballo dende a oposición dos populares de Láncara, e do seu voceiro en particular, que demostra o seu compromiso co municipio ao longo destes catro anos facendo unha oposición construtiva e empregando as ferramentas ao seu alcance para dar trámite ás peticións dos veciños”. Con “traballo xa feito”, a presidenta do PP da provincia convidou a todos a “seguir traballando xuntos para recuperar a alcaldía. Se queremos volver a gañar, ten que ser con todos porque entre todos formamos un equipo”, defendeu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo