Santos Ramos: “unha vez máis, o PP dille non á provincia de Lugo”

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e o Deputado do PSOE no parlamento galego pola provincia, Luis Álvarez, criticaron que “o PP negue 28 millóns de euros aos lucenses para 85 actuacións na provincia”. Trátase do total de investimentos que os socialistas presentaron como emendas aos orzamentos do goberno galego para o 2019 e que foron todas rexeitadas polos populares. Os proxectos demandados naceron dos Encontros Comarcais con militantes organizados polo PSOE Provincial para coñecer as principais demandas veciñais de cada zona e incluílas nos presupostos do vindeiro ano.

Santos Ramos lamentou a negativa do Partido Popular ás iniciativas dos socialistas e subliñou que “unha vez máis, o PP dille non á provincia de Lugo, agora dende a Xunta de Galicia, rexeitando as emendas presentadas polo PSOE para impulsar 85 proxectos que foron iniciados hai más de 10 anos, polo tanto que o Partido Popular leva bloqueando unha década e que significaban un investimento de 28 millóns de euros. O goberno de Feijóo aprobou uns orzamentos que di, en maiúsculas, non aos 300.000 veciños e veciñas que vivimos na provincia de Lugo”.

“Outra vez o PP demostra o seu nulo compromiso con Lugo. É unha pena que o goberno de Feijóo non teña en conta nin tan sequera un dos proxectos que reclaman os veciños. Xa levamos unha década aguantando este trato desigual e pernicioso por parte do PP contra a nosa provincia e non o imos permitir. Dende o Partido Socialista seguiremos reivindicando permanentemente estas demandas que cremos de xustiza para os lucenses”.

Luis Álvarez explicou que “os socialistas non pedíamos nada que supuxera un tratamento a favor da provincia, simplemente queríamos igualdade que o resto do territorio. O Partido Popular considera que ten un celeiro de votos na provincia de Lugo polo tanto non ten que facer absolutamente nada. Dende o PSOE demandabamos  infraestruturas sanitarias, abastecementos de auga, construción de estradas, melloras nas instalacións educativas, entre outras moitas, e nada tivo o voto positivo do PP. Por iso, consideramos que este período de alegacións é un fraude absoluto, pois non sirve de nada. Os socialistas estamos defraudados pero non sorprendidos porque esta é a dinámica do PP coa provincia de Lugo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com