" />

O servizo de Deportes da Xunta en Lugo négase a atender en galego a unha usuaria

Unha usuaria do Servizo de Deportes da Delegación territorial da Xunta en Lugo denunciaba hoxe a negativa da funcionaria que a atendía a falarlle en galego.

A veciña, que se dirixía a unha funcionaria do Servizo de Deportes para procurar información sobre clubes deportivos, solicitoulle á traballadora poder ser atendida en galego, tras as respostas en castelán da propia funcionaria que se negou a darlle a atención no idioma da comunidade.

Tras coñecer esta información o BNG anunciou que levará este tema ao Parlamento Galego. A Parlamentaria nacionalista, Olalla Rodil, sinalou que se trata “dunha clara vulneración flagrante dos dereitos lingüísticos por parte da propia administración galega” e engadiuse “trátase dun caso onde funcionarias públicas están incumprindo os dereitos recollidos no Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e a Carta Europea de Linguas Minorizadas. O BNG pedirá a intervención, neste caso, da Secretaría Xeral de Política Lingüística por tratarse dun incumprimento da Lei de Normalización.

A funcionaria, segundo relatou a administrada respondeulle: “¡No me da la gana! Soy funcionaria y puedo escoger el idioma que yo quiera”. A lexislación dita, lembra Rodil, que quen ten a posibilidade de escolla é a persoa usuaria do servizo e o funcionariado ten a obriga de atender no idioma oficial que se solicite. Ante a contestación da funcionarioa, a usuaria díxolle “que estaba en Galicia e que desexaba ser atendida en galego” solicitando poder falar con outra persoa. Sempre segundo o relato, cando a usuaria se dirixiu a outra empregada pública para ver se podía ser atendida en galego, estoutra funcionaria contestoulle que “yo solo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego”. A usuaria lamentou que fose así pois non quería que o galego se perdese e a resposta da empregada pública foi: “Pues si se pierde mejor! Ni gallego ni catalán, con sólo castellano mucho mejor!” 

A negativa das funcionarias de atender esta persoa nun idioma oficial contraviría tamén lexislación estatal e internacional como; artigo 13.c) da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas que estipula o dereito a utilizar as linguas oficiais no territorio da comunidade autónoma, o artigo 2.b) da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, que o Estado español ratificou e que explicita que as autoridades administrativas e servizos públicos comprométense a dar a posibilidade para os falantes de linguas rexionais ou minoritarios de presentar demandas orais ou escritas nestas linguas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo