Sete antigas casas de mestres, reconvertidas en vivendas para familias con poucos recursos

Sete antigas casas de mestres da provincia, serán rehabilitadas e alugadas a familias con escasos recursos. Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, nunha visita a Arxemil, onde estivo acompañado polo alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro, para coñecer as obras previstas nun destes inmobles.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda destina 260.000 euros a rehabilitar tres antigas vivendas de mestres en Sober, dúas en Mondoñedo e unha no Vicedo. “Na provincia de Lugo -afirmou o delegado- concedéronse subvencións para todos os proxectos que se presentaron”. As axudas da Consellería poden alcanzar a cubrir ata o 90 por cento do orzamento, en función do tipo de actuacións que se acometan.

O delegado explicou que se trata dun novo programa destinado a concellos de menos de 20.000 habitantes co que se persigue un triplo obxectivo: social, pois dá facilidades de acceso á vivenda ás familias; de potenciación e desenvolvemento do rural; e económica e ambiental, xa que a rehabilitación é máis sostible que a construción de vivenda nova e xera máis emprego por euro investido.

Polo que respecta ao proxecto do Corgo, a Xunta achega 46.500 euros para as obras -o 90 por cento do orzamento subvencionable-. O estado da edificación fai precisa unha intervención integral, con traballos que supoñen dende a mellora do illamento térmico da fachada, ata as carpinterías exteriores e interiores, tabiques, solados, falsos teitos e traballos de fontanería, electricidade, comunicacións, e aqueles que aseguren a calidade dos subministros. Igualmente, equiparanse por completo a cociña e o baño.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com