Si, hai saída manifesta a súa preocupación pola agresión a unha muller nun piso de acollida

Desde a asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero, en relación coa agresión que unha muller sufriu nun piso de acollida para vítimas de violencia de xénero do Concello de Lugo, queremos facer as seguintes manifestacións.

Desexamos, en primeiro lugar, aclarar que as devanditas manifestacións as facemos desde a mais absoluta prudencia, xa que as nosas opinións están baseadas, como as da maioría da xente, na información recollida polos medios de comunicación. Así mesmo, tampouco é a nosa intención culpar a ninguén, porque, nin somos quen para iso, nin cremos que esa sexa a solución. Pola contra,o que queremos é compartir as nosas reflexións, e confiar en que poidan servir dalgunha axuda para chamar a atención sobre diversos aspectos da violencia de xénero e das súas vítimas que ainda semellan ser ignorados.

Ainda así, non podemos, baixo ningún concepto, obviar a gravidade que este feito reviste, por varias razóns, que pasamos a expoñer. En primeiro lugar, queremos chamar a atención e recordar o feito de que as mulleres derivadas aos pisos de acollida o son porque se estima que o risco que corren e extremo, motivo polo que é imprescindible a total e mais absoluta reserva en canto a ubicación dos mesmos.

Evidentemente, e pola mesma razón anteriormente exposta, non se pode permitir o acceso aos devanditos pisos a persoas alleas. É, polo tanto, gravísimo, o feito de que a parella da muller agredida puidera acceder a vivenda e mesmo chegar a vivir durante algún tempo nela, como manifesta a súa propia familia, sen que ninguén se decatase deste feito, algo que deixa patente que a vixiancia que se exerce sobre os pisos non é nin de lonxe a que debera ser e que calquera pode visitalos ou instalarse neles sen maior problema e sen que sexa detectado.

Non é xustificación o argumento esgrimido de que foi a propia muller a que instou ao agresor a instalarse no piso con ela e cos seus fillos. De todos cantos profesionais traballan con vítimas de violencia machista debería ser coñecida a dependencia psicolóxica do seu agresor que as mulleres maltratadas poden chegar a sentir, polo que a posibilidade de que se produzcan situacións como a acontecida debería ser tida en conta, para poder, así, previlas.

Non esquezamos, ademais, as implicacións que este suceso pode ter para mulleres que estiveran considerando denunciar ao seu agresor para ser, posteriormente, trasladadas a un piso de acollida. Lóxicamente, a seguridade que estes poden ofrecer é, agora mesmo, algo mais que cuestionable. Todas estas circunstancias son, na nosa opinión, o resultado de algo que desde Si, hai saída non nos cansamos de repetir, e que, por desgraza, non semella ser escoitado. O enorme descoñecemento que, ainda, a día de hoxe, por mais que tentemos demostrar o contrario, existe sobre a realidade da violencia de xénero, e, porén, das súas vítimas, o que redunda na minimización do risco que corren e, en consecuencia, de que non sexan aplicadas as medidas de prevención que serían elementais.

Asi mesmo, non podemos por menos que lamentar, unha vez mais, que non se teña en conta a experiencia a as aportacións que, sen dúbida, poderíamos ofrecer as que traballamos cada día con mulleres que están a sufrir a violencia de xénero, e que, coñecemos, por tanto a súa realidade, e se lle de importancia, tan só, a outro tipo de méritos, sen dúbida moi importantes, pero que se quedan, a maioría das veces, en pura teoría.

Unha vez mais facemos fincapé na necesidade imperiosa de facer mais rigorosa a selección deste persoal e os criterios empregados para isto. E, xa para rematar, desexamos pregar aos diferentes grupos políticos que non utilicen este feito tan grave como ferramenta política ou electoral, nin para tentar desacreditarse uns aos outros. Cremos que o que cumpre e facer fronte común e traballar para que situacións tan tremendas non se repitan, e utilizar a violencia de xénero e as desgrazas derivadas dela como estratexias políticas, non serve se non para fomentala e contribuir a que siga medrando cada día.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com