O SLG denuncia a parálise da Xunta diante dos baixos prezos no sector

A Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego vén de expresar a súa fonda preocupación polos últimos datos sobre o sector, publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), correspondentes a decembro de 2017, que reflicten o estancamento duns prezos que, en Galicia, seguen a ser “os peores” do Estado xunto cos de Baleares (32’2 céntimos por litro, 1 céntimo menos que a media estatal) e continúan a estar moi por baixo da media europea (37’76 céntimos). Polo demais, estes datos de decembro serviron para constatar que o ano 2017 saldouse no sector lácteo galego co peche de 463 granxas ao pasar das 8.477 de xaneiro ás 8.014 de decembro. É moi posible que, a estas alturas, Galicia xa teña menos de 8.000 explotacións lácteas.

“Esta situación tan preocupante contrasta con ton triunfalista da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, que non deixa de falar do ben que está o sector lácteo en Galicia alí onde vai, ao tempo que non move un dedo para tratar de reconducir a anomalía de que Galicia non se beneficie da suba de prezos que se veu producindo en toda Europa ao longo de 2017”, afirman dende a Dirección do Leite.

Sen ir máis lonxe, a semana pasada publicábase na veciña Asturias -onde o prezo medio do leite en decembro foi de 35’4 céntimos- o decreto que exime da obriga de enterrar os xurros a máis do 90% do territorio do Principado. Segundo denuncian dende o sindicato, en Galicia, os gandeiron continúa descoñecendo que vai pasar precisamente cos xurros, así como outras cuestións “cruciais das que depende o seu futuro”. Para a Dirección do Leite este decreto “non ten razón de ser” pois os estudos indican que as principais causantes da contaminación por amoníaco son as granxas de porcino e os abonos de síntese. “Pola contra, o sector do vacún só é responsable do 4’4% destas emisións, o que fai que a Cornixa Cantábrica, incluída Galicia, sexa unha das zonas menos contaminadas do Estado”, aseguran dende a agrupación sindical, “non queremos ser mal pensados, pero o feito de que a actual ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, teña sido directiva de Fertiberia -en palabras da propia industria “empresa líder en el sector de los fertilizantes en la Unión Europea y uno de los principales operadores mundiales en el mercado del amoniaco”-, non nos dá ningunha confianza”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo