" />

Sober acolle a presentación do Plan de Mobilidade Sostible da Ribeira Sacra

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe na presentación do Plan de Mobilidade Sostible da Ribeira Sacra, que se celebrou en Sober, que esta iniciativa que conta coa colaboración da Xunta demostra o compromiso co vehículo eléctrico da comarca lucense e de Galicia.

Segundo sinalou Conde, A Ribeira Sacra vai abandeirar na comunidade o compromiso coa mobilidade eléctrica e sustentable a través deste plan que contribúe a acrecentar as calidades ambientais e paisaxísticas desta paraxe natural, candidata a Patrimonio da Humanidade. O vicepresidente económico fixo fincapé no orgullo que para todos significa estar traballando desde A Ribeira Sacra “no impulso dunha Galicia máis sustentable e comprometida coas enerxías renovables”.

O plan presentado hoxe ten por obxectivo electrificar o transporte colectivo (tanto autobús como catamarán) que dá servizo a ambas marxes do río e conecta os principais puntos de interese turístico. Para iso realizaranse as obras necesarias para que os pantaláns dos catamaráns turísticos dispoñan de puntos de recarga adaptados ás necesidades dos autobuses lanzadeira e dos propios catamaráns.

Conde agradeceu ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra a súa iniciativa e o seu espírito de colaboración coa Xunta, que está apoiando tanto a adquisición dun vehículo híbrido enchufable como a elaboración do Proxecto Fluvial-Eléctrico , dando o impulso necesario para que poida optar ás axudas do programa Moves Proxectos Singulares do Goberno.

Tal e como apuntou o vicepresidente económico, o Plan de Mobilidade Sostible da Ribeira Sacra “é un proxecto que pode ser un modelo”. A iniciativa encaixa na Estratexia de Mobilidade eficiente de Galicia, e no traballo que está a realizar a Xunta para que Galicia siga dando pasos cara a unha mobilidade de baixas emisións, segura e conectada, a través do vehículo eléctrico. Dentro desta estatrexia hoxe mesmo abre o prazo de solicitudes do programa Renove de Automoción.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo