Suborno, tráfico de influencias e pertenza a grupo criminal: os delitos que imputan a Liñares na Pokemon

Manuel María Lamas Meilán, fiscal da Operación Pokemon, propón xulgar a Francisco Fernández Liñares, Gervasio Rodríguez, José María Tutor e Javier Reguera polos delitos de suborno, tráfico de influencias e pertenza a grupo criminal. Así o informaba a primeira hora desta mañá un xornal galego tras recibir un escrito entregado no xulgado de instrución número 1 de Lugo o pasado martes.

Fernandez Liñares é o exconcelleiro de Urbanismo en Lugo, quen, segundo o Ministerio Fiscal, xunto a Rodríguez (administrador da empresa Vendex), Tutor (delegado de Vendex en galicia) e Regueira (funcionario encargado do servizo ORA), colaboraron para que a empresa Vendex obtivese a adxudicación municipal do servizo da ORA a cambio dunha cantidade fixa ao mes, en forma de suborno, que, presuntamente rondaría os 3.500 euros.

Segundo o escrito da fiscalía, que suma 46 páxinas, danse por probados estes feitos, para os que o exedil valíase de Javier Reguera, que xa contaba cun amplo historial de delitos, para que intermediara entre Liñares e os membros de Vendex.

Presuntamente, e segundo desvela o diario galego, Liñares e os outros tres imputados reuníronse en Madrid en dúas ocasións para expor a súa estratexia para a adxudicación do contrato da ORA, cuxa concesión se lle acabaría á empresa Setex Aparkisa uns meses despois.

A primeira xuntanza foi no 2008, cando Liñares se comprometeu a adxudicar o contrato ORA ao grupo Vendex. Di o escrito que “puido ser o propio Gervasio quen encargase ao seu delegado rexional, José María Tutor, que buscase a unha persoa con influencia no Concello”; Tutor, contaba dende hai anos cunha boa relación con Javier Reguera quen xestionaba o servizo de aparcamento coa empresa Setex Aparkisa e podería controlar a concesión.

A segunda das reunión foi no 2009, pouco antes da adxudicación oficial ao Grupo de Gervasio Rodríguez. O escrito apunta que nesta xuntanza, en forma de comida, fixaron “as condicións de efectuar os pagos e, pechado o trato, celebrouse unha comida nun restaurante madrileño”.

A única persoa que, polo momento, queda libre de culpa é Pablo Fuentes, o enxeñeiro municipal encargado de xestionar os trámites da adxudicación e de valorar as propostas presentadas. Malia que o Ministerio Fiscal recoñece que “a obtención dos documentos intervidos constitúe o único indicio que apunta cara a Fuentes” e que “parece acreditada a existencia dese indicio”, tamén explica que “non é unha proba directa” e que, nin sequera poden acreditar a autoría das notas manuscritas polo que, segundo o escrito, “non se pode falar de prevaricación, xa que os seu informes non tiñan condición de resolución”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com