" />

Tellado: “Maroto veu facer propaganda electoral a Galicia como ministra do PSOE e non a defender a industria”

O número dous dos populares galegos, Miguel Tellado, afeou que a visita a Galicia da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, só servise para facer propaganda electoral do Partido Socialista en vez de achegar solucións á crise industrial que sofre a Comunidade.

Así se expresou o dirixente do PPdeG tras a xuntanza de Maroto co secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e con alcaldes e portavoces socialistas da comarca da Mariña lucense para avaliar a situación de Alcoa, cuxa planta en San Cibrao cerrará a súa actividade durante dous anos. “É improcedente que a ministra veña a Galicia para sacarse fotos como ministra do PSOE, en lugar de ser a ministra dun Goberno que debería representar a todos os galegos e, no seu caso en concreto, defender a nosa industria”, manifestou.

“Advertimos hai moito tempo que a falta dun prezo eléctrico competitivo complicaba o futuro de Alcoa en San Cibrao”, dixo Tellado lembrando que a situación actual da industria vén provocada por unha política enerxética do Executivo central totalmente equivocada e que está xerando desmantelamento do tecido empresarial, afectando de maneira especial a Galicia e a determinadas comarcas, como é o caso da Mariña.

“Dende o PPdeG seguiremos apoiando aos traballadores de Alcoa e reclamando a implicación do Goberno e da propia empresa para garantir a reactivación da planta canto antes. Parar a produción de aluminio primario en Galicia durante dous anos é unha noticia nefasta”, asegurou.

Ademais, o secretario xeral referiuse á situación de Vestas -a plantilla aceptou unha conciliación previa ao xuízo contra o ERE-, de cuxos traballadores se esqueceu a ministra Maroto. “Tamén neste caso se botou en falta a implicación do Goberno, que mantivo a súa pasividade para localizar investidores”, engadiu.

Segundo resaltou, a única realidade é que hai tres anos estas empresas non tiñan as complicacións que teñen agora para seguir coa súa actividade, cuestionando que tanto con Alcoa como con Vestas o Executivo de Pedro Sánchez optou pola inacción: “Desentendéronse dos problemas, evitaron facer unha fronte real cos traballadores e a Xunta e non presentaron alternativas para tratar de chegar a solucións, que foi o que reclamamos durante moitos meses”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo