A TIC colaborará coa Universidade Rural Galega no recoñecemento e dignificación do medio rural

A Fundación TIC da Deputación contribuirá á recuperación das tradicións e ao recoñecemento e dignificación do medio rural que promove a Universidade Rural Galega (URG). Será grazas ao convenio de colaboración asinado este mércores polo patrón da TIC, e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Presidente da URG, Alfonso Blanco Torrado, nun acto celebrado na Casa Habanera de Guitiriz, no que tamén participou a Alcaldesa da localidade chairega, Regina Polín.

O patrón da TIC subliñou que “o mundo rural é o piar fundamental da nosa esencia como pobo e debemos traballar entre todos -administracións, tecido asociativo e sociedade en xeral- non só para recuperalo e conservalo, senón tamén para xerar iniciativas innovadoras e de futuro que asenten poboación”.

Santos anunciou que “a TIC gravará as entrevistas que esta organización realizará por toda a provincia a persoas que traballan e viven no rural. Unha vez editadas, publicaranse nas webs  da TIC e das asociacións que forman a URG. Queremos contribuír, deste xeito, a facer visible a labor que están a desenvolver e servir de altofalante a través de produtos audiovisuais”.

A URG está composta na actualidade por unha trintena de asociacións de toda Galicia, aínda que a gran maioría son da provincia de Lugo, onde naceu esta iniciativa. A estas organizacións úneas a súa preocupación polo risco de desaparecer que corre a achega que o rural ten feito á cultura e á vida en xeral. Ademais, teñen en común a súa aposta pola recollida, coidado e preservación de todo patrimonio etnográfico galego e polo desenvolvemento de proxectos reais e innovadores para manter no futuro un mundo rural vivo.

Tres grupos de traballo

A universidade divide as súas actividades na busca de habitantes do rural distribuídos en tres apartados: Os Sabedores da Cultura, no que inclúen os testemuños de persoas que saben ou traballan nalgún oficio ou costume tradicional galego; Conservación e Recuperación da Cultura, con persoas ou grupos que están traballando no eido da conservación e recuperación de usos e costumes; e Proxectos de Desenvolvemento, con aqueles que, desde o rural, están levando a cabo proxectos de desenvolvemento cunha base económica, como a agricultura ou os oficios.

Ademais, a URG conta cun fondo documental bibliográfico no que se recollen recursos espallados por domicilios privados e asociacións, entre eles, todo tipo de libros, documentos, soportes musicais, carpetas de traballo ou bosquexos que non se atopan nas bibliotecas ou na Internet.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com