A TIC e a Asociación Amigos do Folión asinan un convenio para realizar un documental

O Patrón da TIC, Álvaro Santos, e o Presidente da Asociación Cultural Amigos do Folión, Manuel Vázquez, asinaron no telecentro de Chantada un convenio de colaboración para realizar un documental sobre o tradicional Desfile de Carros, que se vén celebrando na localidade chantadina desde a Idade Media. Álvaro Santos subliñou “o interese da TIC en difundir este tipo de celebracións que dan boa mostra da tradición popular, patrimonial e cultural da nosa provincia”; e que se manteñen vivas “grazas en boa parte ao labor que levan a cabo colectivos como os Amigos do Folión”, engadiu o patrón da TIC.

O traballo audiovisual fará un percorrido pola historia deste festexo declarado de Interese Turístico Galego, e incluirá imaxes e fotografías antigas dos anos 90 pertencentes ao arquivo que ten o colectivo chantadino. Para completar o documento, bolseiros e técnicos gravarán varias fases do proceso de construción dos 11 carros participantes na edición deste ano no que xa traballan os carroceiros. Ademais, un equipo da TIC recollerá íntegro o desfile e o resto de actos do Folión que, nesta nova ocasión, terá lugar o vindeiro 27 de agosto.

Unha das festas máis antigas de Galicia

O Folión de Carros de Chantada, declarado de Interese Turístico Galego no 2002, é un dos festexos máis antigos de Galicia. Ten a súa orixe na Idade Media, nos tempos no que os gremios abandonaban por un día o seu tradicional illamento para desfilar pola localidade e amosar o seu traballo artesanal na sociedade da época. A cita non deixou de celebrarse a excepción dos anos nos que tivo lugar a Guerra Civil.

O festexo celébrase o último fin de semana de agosto coincidindo coas festas patronais da localidade chantadina. O sábado pola noite ten lugar o desfile de carros do país tirados por bois, e neles represéntanse varias escenas de oficios tradicionais como os muiñeiros, zoqueiros, ou carpinteiros entre outros; así como labores agrícolas de tradición nesta comarca luguesa como a vendima. Ao desfile séguelle o pregón das festas e a verbena na praza de Santa Ana

A TIC a prol da cultura

O acordo subscrito coa Asociación Cultural Amigos do Folión engádese aos máis de 130 convenios que a TIC mantén con ONGs, asociacións culturais, agrupacións veciñais, e entidades deportivas para difundir o seu labor na provincia mediante a realización de traballos audiovisuais, co fin de completar a formación teórica dos alumnos con prácticas profesionais, dirixidas a favorecer a súa inserción laboral.

Deste xeito, a realización deste documental súmase a outros feitos pola TIC, entre os máis recentes o da vida e obra do poeta de Meira, Avelino Díaz; ou a construción dun carro tradicional galego. Ademais, a Fundación está inmersa nun novo proxecto documental que amosará o proceso da sementa, recollida e etiquetado da faba de Lourenzá.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com