A TIC gravará este sábado o concerto do XXV aniversario da Banda de Música de Vilalba

A Fundación TIC da Deputación gravará este sábado, 19 de novembro, o concerto do XXV Aniversario da Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba, que se celebra ás 20.00 horas no Auditorio Carmen Estévez da capital da Terra Chá. Esta colaboración queda recollida no convenio asinado este martes polo Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, e a presidenta da asociación, Alejandra Vázquez.

Darío Campos subliñou que “as bandas de música forman unha parte importante da nosa cultura, xa que contan cunha longa tradición, moi arraigada en toda Galicia. Por iso, é para nós unha satisfacción sumarnos a esta celebración, que conmemora as vodas de prata dunha asociación que traballa na promoción da música de bandas”.

O máximo responsable provincial dixo que “desde a TIC apoiamos o gran traballo que están a realizar na nosa provincia asociacións coma esta a prol da nosa cultura. Para contribuír, neste caso concreto, a unha maior difusión do importante labor que desenvolve esta agrupación vilalbesa, gravaremos integramente o concerto do seu 25º aniversario e editarémolo nun DVD”.

Aínda que a asociación naceu oficialmente o 14 de abril de 1991, o acto central celébrase o 19 de novembro, día de Santa Icía, patroa dos músicos. O concerto correrá a cargo da Banda de Música de Vilalba, que estará acompañada polo Coro Cántigas da Terra da Coruña, unha agrupación que este ano tamén está de aniversario, neste caso, o do seu centenario. Ademais actuarán dúas parellas de baile. O concerto, que durará arredor dunha hora, será presentado polo xornalista chairego Xulio Xiz. Tamén está prevista a asistencia de antigos membros da agrupación musical.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com