" />

Tomé, o “tahúr” das competencias da Deputación

O reparto competencial entre as distintas administracións públicas en España é moi claro. Están fixadas as competencias propias de cada nivel e tamén en que condicións unha administración pode asumir competencias que non lle son propias. É algo que está claro, ao parecer, en todo o ámbito da administración pública menos, polo que se pode observar pleno tras pleno, para o goberno da Deputación de Lugo. O seu presidente, o socialista José Tomé, co auxilio imprescindible do BNG, levou ao organismo provincial a un estado de cousas en que, segundo el, nada é competencia súa salvo aquelo que lle interesa que o sexa, no momento en que lle interesa; e ao revés, todo entra nas súas competencias ata que lle interesa que deixe de ser así. Se algunha vez tivo sentido a definición que do termo “dilema” se atribúe a Lincoln é con respecto a posición de Tomé no terreo das competencias da Deputación de Lugo: “Un dilema é un político tratando de salvar as súas dúas caras á vez”. O socialista Guerra cualificou a Adolfo Suárez de “tahúr del Misisipi”; hoxe podería dicir algo parecido de Tomé con respecto á súa maneira de enredar coas competencias da Deputación. E, mentres, os deputados nacionalistas aproveitan a conxuntura para inxectar cartos aos seus concellos vía acordos adoptados en xunta de goberno ao mesmo tempo que defenden, diante de quen quere escoitalos, que as deputacións teñen que desaparecer.

Hai exemplos que poñen negro sobre branco o perverso xogo de socialistas e nacionalistas en materia competencial na Deputación. Posiblemente un dos máis ilustrativo sexa o das residencias da terceira idade. É certo que este servizo non é unha competencia propia da Deputación, pero non é menos certo que, a pesar de ser así, foi un goberno provincial presidido por un socialista o que decidiu construír residencias da terceira idade nalgúns municipios de Lugo. Aí está o presidente Tomé metido de cheo no dilema competencial; para máis complicación, con certa periodicidade intenta “colocarlle” as residencias á Xunta, alegando que son materia de súa competencia.

Con frecuencia, o dilema competencial no que se mete soíño o presidente Tomé ten moito que ver coa fuxida cara adiante fronte a probada incapacidade de xestión dos asuntos máis relevantes. Pasou coa falta de reacción da Deputación fronte á pandemia, xa nos primeiros compases, cando se precisaba con urxencia material de protección nos concellos lucenses e a Deputación nin estaba nin se lle esperaba. Pasou despois coa creación de liñas de axuda aos sectores produtivos; outra vez tarde, mal e arrastro, por máis que dende o PP se solicitaran unha e outra vez. Primeiro non era competencia da Deputación, despois, si, e o presidente Tomé andou e anda a “vender” as axudas provinciais.

Cando estaba a punto de acabar o 2021, o PP propuxo ao goberno provincial incrementar as axudas ao sector pesqueiro, especialmente necesarias nestes momento de grandes dificultades para a industria do mar en Lugo. De novo, o goberno que preside Tomé retomou o argumento da incompetencia da Deputación en materia pesqueira. É evidente que tal argumento non se sostén nunha provincia que ten neste sector un dos seus grandes motores económicos. Non é improbable que, á volta de poucas semanas, a Deputación cambie de criterio e mellore (non é nada difícil) o seu apoio económico á pesca; entón, como tantas veces antes, de novo quedará claro que Tomé é a propia definición de dilema: “un político tratando de salvar as súas dúas caras á vez”. Ou, se o prefiren, aquelo que dixo Alfonso Guerra de Suárez e que xa queda dito.


Texto: Javier Castiñeira (Portavoz do PP na Deputación)

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo