Tomé presenta na Pontenova o proxecto do Centro de Maiores que a Deputación construirá neste concello

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este venres xunto ao Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, o proxecto do Centro de Atención a Maiores que a institución provincial construirá neste concello mariñano. Un acto que tivo lugar na parcela onde se levantará esta dotación social que se atopa na Chousa de Abaixo de Vilaoudriz, e no que tamén participaron outros membros dos gobernos provincial e municipal.

“Hoxe estamos aquí presentando o proxecto de construción do Centro de Atención ás Persoas Maiores da Pontenova e, tamén, para anunciar que as obras do edificio que se construirá xusto aquí, xa están en proceso de licitación, cun orzamento de preto de 2M€”, explicou Tomé Roca.

“Chegar ata este punto é o froito dun traballo constante, que seguiremos facendo porque queremos cumprir cos compromisos que a Deputación ten adquiridos cos concellos e porque achegar os servizos públicos á xente é imprescindible para manter a poboación e para que o noso rural siga vivo”.

O mandatario provincial explicou que este pasado mércores rematou o proceso de presentación de ofertas por parte das empresas que optan ás obras de construción do edificio, e indicou que a partir de agora será a Mesa de Contratación a que se encargue de avaliar as tres propostas que se presentaron e decida a empresa adxudicataria. Ademais deste proceso, tamén será necesario obter os preceptivos permisos, “para os que esperamos atopar disposición e axilidade por parte da Xunta de Galicia”, afirmou José Tomé.

O Presidente detallou que “para sacar adiante este proxecto, a Deputación de Lugo inviste preto de 2M€, aos que hai que engadir a parte do Concello, que chega a uns 300.000€”, concretou. Este investimento destínase ás obras de construción da residencia, pero tamén incluíu a redacción do proxecto, a licenza municipal e a adquisición da parcela, entre outros trámites administrativos que son necesarios.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com