Traballadores Sociais denuncian que a Ordenanza Cívica penaliza ás vítimas da exclusión social

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), tras analizar o borrador da Ordenanza de Seguridade e convivencia de Lugo, amosa a súa “preocupación” a respecto de varios artigos que se contemplan no mesmo.

Os artigos 37 e 38 segundo o texto tenden “a protexer ás persoas que están neste municipio fronte a condutas que adoptan formas de mendicidade insistente, intrusiva ou agresiva”. Desde o COTSG sinalan que “esta redacción é demagóxica e revela un fondo de aporofobia por parte da comisión redactora”. As traballadoras sociais sosteñen que a expresión “mendicidade insistente” traslada unha idea de que as persoas excluídas non o son por “un contexto socioeconómico determinado” senón “porque queren”. “Ninguén insiste na mendicidade se ten alternativa”, razoan.

“Por outra banda a redacción tamén expresa a idea de que as persoas sen fogar son violentas e a realidade non ten nada que ver con iso”, sosteñen. “Parece que a norma busca confirmar un estereotipo e facer regra de casos aillados”, afirman. Nesa mesma liña critican tamén o artigo 40 “o Concello adoptará todas as medidas ao seu alcance para erradicar o fenómeno da mendicidade”. Para o COTSG “as medidas, tal e como especifica o documento serán coercitivas e recaen sobre as persoas en exclusión social e non van á base estrutural do problema nin buscan alternativas para as persoas sen fogar”.

A institución afirma que o artigo 41, 42 e 43 están “completamente mal formulados porque neles ponse na mesma situación á prostituta e aos prostituidores e/ou clientes”. As traballadoras sociais sosteñen que “quen ten o monopolio de poder son eles mentres que elas son, a miúdo, persoas vulnerables que exercen a prostitución como única alternativa a un sistema de desigualdade que as marxina, polo que penalizalas a elas só contribúe a empeorar a
situación”.

O borrador da norma, segundo o Colexio, “é antidemocrático e penaliza a liberdade de expresión de asociacionismo e activismo, mentres que protexe calquera tipo de acto que organice ou no que colabore o Concello”. “O activismo é unha peza fundamental para avanzar socialmente”, sinalan desde a entidade e engaden que “o asociacionismo empodera persoas polo que debe ter espazos de voz e expresión dentro dunha cidade”.

No que atinxe á venda ambulante desde o Colexio cren que a norma “afonda no racismo e a discriminación”. “Non deben levarse a cabo accións penalizadoras para abordar esta problemática social porque só traen consigo que a cidadanía teña máis prexuízos contra estes colectivos e que eles queden sen a súa principal fonte de ingresos mentres que desde as institucións (neste caso o Concello de Lugo) non lle dan solucións”, explican.

Desde o COTSG conclúen que “os procesos de reconstrucción social deben facerse de abaixo a arriba, escoitando a todo o conxunto da cidadanía e dándolle a posibilidade de ser partícipes no cambio”. “Unha ordenanza de seguridade e convivencia que só reprime e non busca solucións nunca vai lograr unha cidade máis cohesionada e participada”, rematan.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com