Trasladan os actos de inauguración de Quiroga Ballesteros á Praza da Soidade e o PP critica a “loita de egos”

Dende a área de alcaldía do Concello de Lugo remitían onte un comunicado aos medios onde se daba a coñecer a suspensión das actividades programadas polo BNG, tamén no Goberno local, co gallo da inauguración da rúa recén peonalizada Quiroga Ballesteros. Dende alcaldía alegaban que os actos non se poderían realizar debido a que o Concello aínda non recibira a obra. Segundo informa o Goberno local, dous informes, de Enxeñería e de Intervención, conclúen que a obra “non se pode dar por recibida” polo que non é susceptible de entrega ao uso público e, polo tanto, “imposibilita a realización de calquera tipo de acto, para non incorrer nun problema de seguridade cidadá”. 

Pola súa banda, os nacionalistas, malia que non se pronunciaron sobre esta comunicación de alcaldía, acatan a decisión e trasladan os actos á Praza da Soidade onde unha carpa xa colocada será a que acolla, entre outros, os concertos previstos.

Ante esta situación, os populares da localidade veñen de criticar a “loita de egos entre PSOE e BNG” que, din, “certifica que a dous anos das eleccións se intensifican as cambadelas entre eles para ver quen acapara máis titulares”. Deste xeito resumía o voceiro da agrupación, Ramón Carballo, esta sucesión de actos convocados polo BNG e desconvocados pola alcaldesa. O popular tilda a situación de “circo político” e advirte que a “deslealdade entre os dous partidos políticos do Goberno perxudica á cidadanía”.

Precisamente con respecto á obra que xera a polémica desde o PP lamentan que “non fosen capaces de cumprir a súa promesa inicial; non só atrasouse a execución da obra senón que renunciaron ao proxecto de cubrir Quiroga Ballesteros a pesar de que houbo un concurso de ideas e un deseño gañador”.

“É unha boa noticia que teñamos máis zonas peonís pero o resultado é moi simple, nada que ver co proxecto ambicioso que nos vendía para estar no punto de mira internacional”. De feito son rechamantes as manchas de aceite e sucidade que ten xa a rúa “máis que recentemente estreada parece que leva anos aberta e sen limpar” polo que, desde o PP, reclaman unha limpeza en profundidade.

O portavoz popular considera unha “incoherencia” que se utilicen diferentes estratexias á hora de programar actos públicos en inauguracións “dependendo de quen as presida” engadindo que “este tipo de actitudes cabrean aos lucenses e poñen en ridículo ao Concello de Lugo e os seus representantes”. Referíase así ao caso do acto que se celebrou na Praza da Milagrosa cando aínda non estaba a sinalización viaria instalada.

Carballo concluía que “moito nos temos que o que vivimos onte sexa a punta de iceberg da guerra aberta entre PSOE e BNG e que sufriremos nos próximos dous anos”.

 

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Anónimo
    Xuñ 25, 2021 - 08:30 PM

    A ver señores si fan algo mais que sair en fotiños, eh. Polo que lles pagamos dos nosos impostos, ata podian fregar eso ¿non sí?

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com