Un cento de gandeiros participa na xornada de portas abertas no Centro de Recría

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou esta tarde nunha xornada de portas abertas das instalacións provinciais da Granxa Gaioso Castro, xunto á Deputada de Medio Rural e do Mar, Mónica Freire; a presidenta de Seragro, Noelia García; a vicepresidenta de Seragro, Noelia Mouzos; e o xerente da empresa Seragro, Rogelio Grille. Á cita acudiron un cento de gandeiros que aproveitaron a ocasión para coñecer de preto o funcionamento das instalacións, e conversar cos seus homólogos que xa teñen experiencia neste centro.

Con esta iniciativa, déuselle a oportunidade aos gandeiros da provincia de observar como se traballa cos animais dende a súa chegada ata a súa partida. Polo momento, son máis de 1.100 xatas de 50 explotacións gandeiras as que se están a recriar no que é o primeiro centro de recría público de gando vacún. Isto suponlle un aforro económico duns 400 euros aos usuarios por animal, pois a recría nestas instalacións é máis barata. En concreto, o custo medio na Granxa Gaioso Castro é duns 1.500 euros de media fronte aos 1.900 que pode supor este proceso en centros privados.

Segundos os propios gandeiros que xa están a recriar as súas xatas en Castro de Ribeiras de Lea, ademais dese aforro económico, tamén se senten beneficiados na súa calidade de vida, pois poden investir o tempo que dedicaban á recría a outras labores. Outro aspecto positivo que relataron os gandeiros experimentados no centro de recría foi o pulo das súas explotacións dende a súa incorporación ao centro. Ao non recriar nas súas instalacións, poden dedicarlle o 100% do espazo á produción leiteira.

Teñen preferencia os gandeiros profesionais e entidades asociativas con explotación aberta e operativa na provincia de Lugo. No caso de que haxa vacantes, poderán acceder aqueles outros gandeiros de toda Galicia que cumpran as condicións de profesionalización, rexistro e actividade. Os interesados poden solicitar información no 650-664-776, en infoecriacastro.es ou en www.deputacionlugo.gal.

 Centro pioneiro no estado

Trátase do primeiro centro de recría público de gando vacún de leite en España cunha xestión de rigoroso control público por parte Deputación de Lugo, coa colaboración de reputados expertos da Universidade de Santiago. Na actualidade, a nivel nacional existen catro centros de recría: en Pantón (Lugo), Mazaricos (A Coruña) e en Mallén (Zaragoza) privados; e un cuarto en Guipúscoa, construído en terreos da Deputación Foral pero tamén de xestión privada.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com