" />

Un home é detido como presunto autor da queima de varios contedores

Sobre as 4:00 horas do día 22 de xullo, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo procederon á identificación dun home de 41 anos como presunto autor da queima de contedores nas rúas Luís Seoane, Tino Grandío e Otero Pedrayo.

Os feitos sucederon cando unha veciña desta última rúa comunica á Sala de Operacións do Corpo 092 que un individuo plantara lume nun contedor de residuos orgánicos na referida rúa Otero Pedrayo, indicando as características físicas e vestimenta desta persoa. De inmediato as patrullas policiais localizan ao individuo na Avenida da Coruña, comprobando que responde exactamente as características dadas, sendo recoñecido pola testemuña sen ningún xénero de dúbida como a persoa que plantou lume ao contedor.

Procédese ao seu cacheo, intervíndolle dous chisqueiros, sendo sospeitoso de ser o autor da queima dos outros contedores pois foi visto no lugar dos feitos no momento que estes ardían. Foi trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para a súa remisión ao Xulgado de Garda.

Emerxencia sanitaria

No día de onte 21 de xullo, froito dos dispositivos establecidos, efectivos da Unidade de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo levantaron dez actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, ao detectar a outras tantas persoas que transitaban pola vía pública sen facer uso da máscara de protección, obrigatoria desde o domingo día 19 de xullo, tanto en vía pública e en espazos ao aire libre como cando se estea en espazos pechados de uso público ou que se atopen abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 m.

Desde o domingo, propuxéronse para sanción a preto de 30 cidadáns por este tipo de incumprimento.

Ruídos no interior de vivenda

Sobre as 0:45 horas do día 22 de xullo, patrullas adscritas ao Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo e da Policía Nacional acoden a un edificio da rúa Álamo no que, segundo chamadas recibidas na Sala de Comunicacións 092, os veciños queixábanse dos ruídos que previñan dunha vivenda.

Os axentes observan que o piso orixe dos ruídos ten as xanelas abertas e tal era o volume do equipo de reprodución musical que non se escoitaban nin entre os axentes intervenientes identificando ao responsable, o cal manifestou que estaban a celebrar unha festa no interior, requiríndolle para que cesase nesa actividade, o que fai ao instante, levantando os axentes de Policía Local acta denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Fotografía: imaxe cedida pola Policía Local.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo