Un home alertou ao 112 Galicia tras sufrir unha caída durante unha ruta de sendeirismo no concello de Cervantes e verse obrigado a pasar a noite nun saco de durmir debido ás condicións meteorolóxicas da zona.
Segundo informou o servizo de emerxencias, foi o propio implicado quen contactou co 112 arredor das 7:30 horas desta mañá. Na chamada explicou que sufrira unha caída mentres realizaba unha ruta entre Pedrafita e Piornedo e que pasara a noite ao aire libre. Ademais, indicou que o saco de durmir estaba mollado, que a contorna se atopaba nevada e que precisaba ser rescatado.
Tras recibir o aviso, o 112 Galicia activou un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, os Bombeiros de Sarria e voluntarios de Protección Civil de Cervantes.
A persoa foi localizada na parroquia de Donís, en Cervantes, e finalmente recollida pola Garda Civil en bo estado.






