" />

Unha barreira humana cortou o tráfico na N-547 para esixir máis seguridade para os peregrinos

Unha barreira humana formada por unhas setenta persoas interrompeu na mañá de onte durante algúns minutos a circulación de vehículos na estrada N-547 ao seu paso polo termo municipal de Arca.

Tal como sinalou o presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Provincia de Lugo, Anxo Trabada, “organizamos este corte de tráfico simbólico na primeira acción que emprendeu o colectivo para esixir a todas as administracións públicas maior implicación e maior interese na seguridade dos peregrinos que percorren a ruta xacobea”.

“Non é casualidade que escollésemos este punto, senón que se debe a que aquí produciuse hai tres semanas un atropelo a unha das nosas asociadas, que faleceu a consecuencia do impacto”, explicou Ángel Trabada, quen insistiu en que “accidentes deste tipo non só non benefician en nada a imaxe do Camiño de Santiago senón que mesmo contradín a idea asentada deste percorrido como un sinónimo de desfrute da paisaxe ou de tranquilidade”.

De modo simultáneo ao corte de tráfico, distintos membros da asociación distribuíron materiais de concienciación a condutores, a quen se lles entregou un documento onde se lles advirte da especial vulnerabilidade dos peregrinos. “O obxectivo é concienciar ambas as dúas partes para que entre todos consigamos reducir as estatísticas de atropelos e incidentes que se producen entre condutores e peregrinos”, manifestou Trabada, “xa que temos verdadeiros puntos negros como este, onde nos últimos anos polo menos tres persoas faleceron arroiado mentres facían o Camiño de Santiago”.

Ademais, o presidente deste colectivo explicou que o colectivo repetirá unha acción similar a próxima semana nun tramo do Camiño Primitivo ao seu paso polo termo municipal de Lugo, “onde non só hai dous cruzamentos especialmente perigosos senón que a limitación de velocidade dun treito onde conviven peregrinos e condutores é de 100 quilómetros/hora. Evidentemente son situacións de máximo risco que se deben corrixir coa maior urxencia posible”, subliñou.

Así mesmo, Anxo Trabada recordou que está a solicitar reunións coa Conselleira de Medio, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, a nova Presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, o responsable de estradas do Goberno Central na provincia de Lugo e o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, para presentarlles un informe cuns 75 puntos nos que é “importante e urxente” unha intervención coordinada por parte das diferentes administracións implicadas.

A maioría das actuacións reclamadas están relacionadas coa limitación da velocidade (e sinalización desta) nalgúns puntos, o pintado ou adecuación de pasos de peóns e a instalación de bandas sonoras que obriguen os condutores a reducir o seu velocidade “en zonas onde a concentración de peregrinos o faga aconsellable”.

“En Lugo temos 400 quilómetros de camiño entre a variante francesa, a do Norte e a do Primitivo e polo tanto temos que ser conscientes de reforzar e mellorar a seguridade”, detallou, ao tempo que instou á Subdelegación do Goberno a adoptar outras medidas “tamén co obxectivo de dar maior tranquilidade aos peregrinos ante casos de roubos ou desaparicións de persoas, como ultimamente fixeron públicos os medios de comunicación”.

Tras o corte de tráfico, membros da asociación realizaron a última etapa do Camiño Primitivo, entre Santa Irene e Santiago de Compostela, co que finalizaron o percorrido que ao longo de diversos fins de semana foron realizando.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo