Unións Agrarias reclama ao Goberno que o leite para axuda humanitaria saia directamente das granxas

Unións Agrarias denunciou hoxe a situación de desprotección que viven as explotacións lácteas galegas. O seu secretario xeral, Roberto García, enumerou moitos dos incumprimentos da industria e tamén das administracións.

Un deles é a manobra de mercar o leite a 20 céntimos, por debaixo do que custa producilo, en teoría para transformalo en po. Denuncia o sindicato que o Goberno en funcións “está permitindo que se compre baixo o fraude de que ese leite vai para po, pero o que vai facer é distorsionar o mercado porque despois termina nun cartón” de leite líquido, cando en realidade, explica, a administración ten mecanismos para controlar o destino final do leite.

Deste xeito, García lamenta que a distribución está recuperando a figura do leite como “produto reclamo”. Supermercados como “Mercadona, Día, Lidl e Vegalsa Eroski están vendendo o cartón a 56 céntimos”.

Denuncian tamén que o goberno ten formas de asegurar que ningún gandeiro quede sen vender o leite e ademais que o faga a un prezo sostible. Unha das vías é destinando ese leite a axuda humanitaria. Hoxe en día o Goberno do Estado facilita este produto con fins humanitarios a multitude de países pero o subministro faise a través das industrias.

O que propón Unións Agrarias é que non haxa intermediarios e que o executivo retire o leite directamente das granxas “o que garantiría que os 800 gandeiros da provincia de Lugo que non teñen a quen vender, a non ser a prezo de saldo de 18 céntimos, poidan colocalo a prezo de mercado”.

García acusa ás administración de “colaborar na comisión dunha fraude” xa que asegura que o Goberno adxudícalle o leite para axuda humanitaria “ás mesmas empresas que se están aproveitando das circunstancias para mercar a prezo de polvo o leite líquido”.

“Denunciar é un suicidio”

Do mesmo xeito o sindicato agrario ten previsto emprender accións pola vía administrativa e tamén xudicial para esixir o cumprimento do paquete lácteo “que obriga a presentar por escrito con dous meses de antelación calquera proposta de prezo cara o futuro cunha duración mínima dun ano”.

Din dende Unións Agrarias que as administracións deixan este problema en mans dos propios produtores, xa que son os que deben denunciar esas “irregularidades”. “A Administración non pode pedir aos gandeiros que se suiciden”, critica García, xa que “esa denuncia deixaría ao gandeiro sen a posibilidade de colocar o seu leite”, e lembra o caso dos 18 gandeiros de Navarra que denunciaron á industria e que a partir dese momento non atopan compradores.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com