Urbanismo somete mañá á Xunta de Goberno as dúas últimas licenzas para iniciar o proxecto previsto para o complexo do Vello Hospital Xeral

A área de Urbanismo deixará tramitadas desta semana as licenzas que quedaban pendentes para iniciar todos os proxectos previstos para a contorna do Centro Integral de Saúde da Residencia.

O departamento que dirixe Miguel Couto trasladará á Xunta de Goberno de mañá a autorización para construír as instalacións do SEPE e do Servizo Galego de Emprego na que foi sede da Escola de Enfermería e para demoler os edificios da lavandería e da central térmica do antigo complexo hospitalario.

No primeiro caso, a intervención, que contará cun prazo de execución de 36 meses, disporá dun orzamento de 1.680.825’70 euros no que se contempla, segundo explicou o edil “que a Xunta de Galicia realice tamén traballos de urbanización na contorna como é a reposición da beirarrúa no ámbito da actuación e a súa creación no tramo que falta de Serra de Outes así como o soterramento do alumeado público e do cableado existente que haberá de renovarse ao igual que toda a rede de sumidoiros xa que a parcela na que estará ubicada conta con todos estes servizos pero algúns atópanse xa moi deteriorados”.

En canto á derruba dos outros dous inmobles, estimada economicamente en 205.223’92 euros, o concelleiro sinalou que deberá acometerse nun prazo dun ano e tendo en conta os requirimentos realizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural entre os que se solicita que no proxecto da Central de Biomasa se incorpore, á súa vez, outro proxecto de urbanización completo da zona que solucione o impacto dos muros existentes, así como outras medidas relativas ao cumprimento da Ordenanza de Protección Ambiental e da normativa acústica.

“Dende o Concello de Lugo, queremos manifestar, unha vez máis, a nosa total disposición para colaborar en todas as iniciativas impulsadas polo goberno autonómico no municipio. E este, penso, resulta un bo exemplo, no que queda reflectida esa cooperación non só pola dilixencia coa que se tramitaron os permisos, solicitados en data de 30 de xullo, senón tamén porque xa lles amosamos a vontade da Administración Local para conceder as prórrogas precisas co fin de non adiar máis a materialización desta infraestrutura”, concluíu Miguel Couto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com