Valoracións de ACE e Cidadáns sobre o Pleno de Organización do Concello de Lugo

Logo do pleno desta mañá algunha forzas políticas como ACE e Cidadáns fixeron unha valoración e explicaron cales foron os motivos do seu voto. No caso de ACE que votou en contra da proposta de organización presentada polo PSOE, o concelleiro Carlos Portomeñe declarou ”O pacto entre PSOE e PP resulta antidemocrático porque asfixia a actividade da oposición ao reducir os seus medios de traballo ao mínimo e precarizando os seus contratos laborais: cada grupo municipal minoritario contará cun só asesor a tempo parcial (convertendo a Lugo no único Concello de Galicia con persoal eventual a tempo parcial), mentres que o PSOE disporá de máis asesores ca concelleiros (9 fronte a 8) e o PP manterá os mesmos cargos de confianza que tiña antes das eleccións con 3 concelleiros menos; e sendo todo o persoal contratado polo bipartidismo a tempo completo”.

E con respecto da subida do salario da alcaldesa o voceiro engadiu ”Alternativa Cidadá de Esquerdas considera inxustificable que Lara Méndez cobre o soldo máis alto dos alcaldes galegos, superando os 67.000 € anuais, por enriba incluso de Vigo, cidade que triplica a poboación de Lugo, e percibindo case 8.000 € máis o ano que Orozco no seu último mandato, cando os lucenses cobran os salarios e pensións máis baixas do Estado e mentres a un tempo precariza os salarios dos novos traballadores do Concello coa conivencia da dereita”.

Pola súa banda Cidadáns, que se abstivo,  afirmaba que “Entendemos que o novo goberno está a facer un recorte dos gastos en relación ó anterior orzamento, tendo en conta, ademais, que pasouse de tres grupos municipais a seis, e que todos eles teñen que ter retribuído o seu traballo, sexa como membros do goberno ou da oposición. A súa proposta mantense na liña do noso partido e do que mantivemos no noso programa para as eleccións municipais: redución do persoal eventual ou de confianza e da asignación os grupos municipais”. Malia iso puxéronlle pegas ao xeito de levar a cabo as negociacións acusando ao equipo de goberno de non  tela debatido entre todos os grupos “esta proposta tiña que ser presentada e debatida, non facéndoo de forma individual e sen posibilidade de modificación, amosando unha conivencia entre dúas forzas políticas. Que ningunha delas se sentara co resto de grupos e que se apoie a proposta, tendo en conta que o número de concelleiros obtidos é menor que na corporación anterior e aínda así, as súas dedicacións non amosan esta diferenza para nós só ten un significado: o que importa é o que se gañe. Situación que é un fiel reflexo da vella política. Resulta que os que en anteriores mandatos esixían austeridade, reducións e diálogo coa oposición, esta vez mantivéronse en silencio e non quixeron ter nada que ver cos que cremos noutra forma de traballar. Nunca un silencio dixo tanto”, concluíron.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com