Vázquez Taín ou Irene Villa, nun novo ciclo de ‘Educación Século XXI’ en Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, renova este mes o seu ciclo de conferencias Educación século XXI, con novos relatores e temas, consolidando esta firme aposta da entidade pola difusión de modelos formativos diversos, en consonancia cos desafíos e as realidades sociais actuais. Afundación procura tamén ofrecer foros de intercambio de coñecemento que apelen ao conxunto da comunidade educativa, incluíndo tanto docentes, como familias.

O xuíz José Antonio Vázquez Taín abrirá o ciclo co relatorio Por que non aprendemos das nosas experiencias?. Vázquez Taín abordará como a pesar de que cada perigo é reiteración de situacións de risco vividas polo ser humano, cada xeración perde unha parte dos seus membros por cometer erros que xa eran anunciados. Neste contexto, o xuíz preguntarase, desde a súa experiencia, se é posible atopar unha linguaxe universal que transmita o vivido de xeración en xeración e aprender así do pasado. As súas conferencias terán lugar en Ferrol o 20 de marzo ás 19.00 h e en Pontevedra o 28 de marzo ás 19.30 h.

O seguinte relatorio correrá a cargo de María Jesús Álava, os días 10 e 11 de abril en Lugo e Santiago de Compostela respectivamente. Experta en psicoterapia, María Jesús Álava foi elixida como unha das TOP 100 Mulleres Líderes de España en 2012 e 2017. Na súa conferencia tratará sobre como se ve condicionada a vida na sociedade actual pola falta de tempo e a consecuente tensión. Pais presionados e sen enerxía, educadores desbordados e pouco apoiados polas familias e nenos impotentes e desorientados é o contexto que abordará María Jesús Álava e para o que tentará achegar ferramentas útiles.

José Torres, responsable do equipo de investigación tecnolóxica da Unidade de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra e experto en seguridade e privacidade nas TIC, dirixiu e coordinou a nivel nacional diversas operacións contra a pornografía infantil e outros ilícitos penais e acumula unha dilatada experiencia como relatora en diversos foros. Torres falará sobre os innumerables beneficios do uso da internet e das TIC, pero tamén da necesidade de que pais, nais e docentes sexan conscientes dos riscos que implica o seu uso, especialmente cando se trata de colectivos tan vulnerables como os menores. Impartirá a súa conferencia o próximo 24 de abril na Sede Afundación da Coruña.

No mes de maio, a xornalista, escritora e conferenciante Teresa Viejo participará no ciclo con dous formatos distintos. Na Sede Afundación de Ourense, o 8 de maio, pronunciará unha conferencia sobre o talento, a curiosidade e a importancia da comunicación en educación e ao día seguinte, 9 de maio, moderará no Auditorio ABANCA unha mesa redonda sobre innovación educativa na que participarán algúns dos galardoados cos Premios Educa ABANCA 2018 nun formato de intervencións curtas sobre a visión persoal dos participantes, ás que seguirá un coloquio.

O ciclo continuará no mes de setembro con Marcelo Castelo, nas cidades da Coruña e Vigo. Dedicado á comunicación persuasiva, Castelo puxo en marcha, en colaboración con Javier Cudeiro, o proxecto «neurocracks» para docentes, así como numerosos proxectos de coaching para profesores. O 30 e 31 de outubro Irene Villa estará nas sedes de Vigo e A Coruña para contar a súa experiencia de vida e a súa traxectoria profesional no ámbito da educación desde a perspectiva da comunicación audiovisual e a psicoloxía e a súa participación como integrante do primeiro equipo feminino de esquí alpino adaptado de España. Pola súa banda Alex Rovira falará o 11 e 12 de decembro en Pontevedra e Santiago sobre a necesidade de crear talento a partir de educar na curiosidade e o amor polo coñecemento. Como el mesmo subliña «a paixón aplicada ao coñecemento e á súa vez o coñecemento aplicado con paixón ao que facemos transforma o mundo».

Case cinco mil persoas achegáronse ás diferentes sedes ou espazos de Afundación interesadas nestas conferencias ao redor das novas tendencias e retos do ensino e a aprendizaxe, a todos os niveis, hoxe en día. Javier Urra, César Bona, David Calle, Margarita Pino, Jorge Soto, José Torres, Anna Sans, Belén Colomina, Ángel Carracedo, Sergio Castro, Profe10 demates, Xuxo Ruiz, David Bueno ou Hernán Aldana son os expertos que participaron ata agora no ciclo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com