Veciños e profesionais reivindican máis medios no PAC de Chantada

O PSOE acompañou este mediodía a veciños de Chantada e Carballedo así como aos profesionais do centro de saúde e PAC chantadino na demanda de máis medios humanos e materiais para o centro. Fixérono nunha concentración á que se sumaron concelleiros socialistas nestes municipios e o Secretario Xeral Provincial, Álvaro Santos Ramos.

O goberno galego négase a reforzar o número de profesionais para urxencias e restituír unha ambulancia en detrimento dos 8.300 veciños de Chantada e dos máis de 2.200 de Carballedo cuxo Punto de Atención Continuada é o chantadino.

Polas tardes, de luns a sábados, no Centro de Saúde tan só hai un médico e unha enfermeira para atender consultas e urxencias de máis de 10.000 persoas. Os veciños e os propios profesionais levan moito tempo reclamando ao executivo autonómico que se reforce o persoal, pois cando hai urxencias a domicilio o centro queda sen ningún médico e os pacientes teñen que esperar a que volva o facultativo para ser atendidos.

Ademais, co volume de traballo que existe o persoal non pode ofrecer unha atención sanitaria digna. Antes Chantada contaba cunha ambulancia asistencial e outra suplementaria e agora só teñen a asistencial operativa as 24 horas do día. Isto implica que en caso de varias emerxencias simultáneas, os profesionais tardan máis tempo en chegar ao lugar onde estea o enfermo. Por estes motivos os veciños esixen a dotación doutra ambulancia.

10.500 veciños, 300 km 2 e 59 parroquias
Os socialistas, pola súa banda, destacaron a necesidade de reforzar o servizo de urxencias con máis persoal e outra ambulancia atendendo as demandas dos veciños e a situación orográfica, pois son máis de 300 km 2 de extensión e 59 parroquias as que comprenden a área do PAC de Chantada, aumentando o tempo de desprazamento e resposta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com