Víctor Álvarez tomará posesión mañá como edil de Lugonovo

O portavoz da Plataforma Lugonovo, Víctor Álvarez, tomará posesión, mañá luns, como edil da Corporación nun Pleno no que el mesmo defenderá a proposta da formación para que o concello se converta en Cidade polo Comercio Xusto.

“O Comercio Xusto estase a converter nunha alternativa de consumo cada vez máis reivindicada e valiosa para a cidadanía en xeral“, explica Víctor Álvarez. “Trátase dunha ferramenta de cooperación e desenvolvemento sostible, baseada no diálogo e na transparencia, que procura unha maior equidade e garanta que se respecten os dereitos laborais dos traballadores, especialmente de rexións do Sur”.“Un modelo de mercado, contrario á pobreza e á desigualdade, polo que, cremos, tamén se pode pular dende as Corporacións locais e, con ese convencemento, así o proporemos na próxima sesión plenaria”, refire o novo edil.

O título, co que xa contan preto dunha vintena de municipios en España, obriga ás localidades que queren acadalo a cumprir cinco requisitos coa fin de promocionar o Comercio Xusto e normalizalo non só entre a poboación, senón tamén no ámbito interno do tecido empresarial, na comunidade educativa e nas compras públicas das institucións.

Entre outros dos preceptos figuran, a aprobación, por parte dos Concellos,  dunha resolución ou declaración favorable a este respecto, así como a procura de colaboración co sector privado para que cafeterías, restaurantes e todo tipo de negocios ofrezan á clientela artigos de Comercio Xusto nos seus establecementos.

“Tamén deben poñer en marcha unha campaña de comunicación e sensibilización á cidadanía e crear un equipo de traballo multidisciplinar que coordine o programa de actuacións. Obxectivos, todos eles, que entendemos perfectamente asumibles por esta administración”, apunta Álvarez Arias.

Dende Lugonovo instan, asemade, ao executivo a aproveitar tódolos esforzos que se fagan na materia para fomentar e potenciar tamén o consumo do produto ecolóxico, “en tanto combina mellores prácticas ambientais, favorece un elevado nivel de biodiversidade e de preservación dos recursos naturais e se sustenta en técnicas tradicionais de cultivo, afastadas da utilización de conservantes químicos o que implica que goce dunha elevada seguridade alimentaria, reforzada polo maior número de controis sanitarios dos que é obxecto” conclúe Víctor Álvarez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com