Vilalba Aberta advirte ao Alcalde da súa “frontal oposición” a unha zona azul de pago xestionada por unha empresa privada

As reaccións á posibilidade de que unha empresa privada se faga coa adxudicación da zona azul da Rúa da Pravia non se fixeron esperar. Neste senso foi Vilalba Aberta, a formación máis crítica co modelo de xestión municipal ao respecto dos servizos públicos, a primeira en se pronunciar.

A través dunha comunicación de urxencia, a formación asemblearia manifestaba esta mañá a súa “frontal oposición” diante do feito – desvelado antonte polo Alcalde – de que o regulamento da que será a primeira zona azul do Concello de Vilalba se estea a estudar cunha empresa privada. Un anuncio, que unido á posibilidade – recoñecida tamén polo Alcalde – de que se lle cobre aos veciños polo aparcamento, supón para Vilalba Aberta “un novo e intolerable intento de recaudar a costa da veciñanza” por parte dun Goberno Municipal “vendido” e que responde a intereses “alleos” e “incompatibles cos da xente á que di representar”.

Na mesma liña se manifestaba hoxe o seu voceiro e edil, Modesto Renda, afirmando que “loitará contra a extensión en Vilalba dun modelo que hipoteca á veciñanza, para ofertar un beneficio sen risco a contratas e subcontratas varias, e que se atopa detrás da maior parte dos casos de corrupción naqueles Concellos que nos últimos anos optaron por privatizar a ORA”.

“Estamos a falar dun modelo que pode servir para xestionar unha mercería, un supermercado ou unha tenda de camisas”, declaraba Renda, “pero desde logo é unha opción por esencia perversa á hora de xestionar un servizo público, cuxa cota de beneficio para empresa sairá do peto dos vilalbeses”.

É por isto, que veñen de rexistrar unha nova iniciativa ao Pleno co obxectivo de que o Concello descarte a implantación dun sistema de cobro por estacionamento durante un período de tempo, e procure a necesaria mobilidade cun sistema de lectura de billetes – utilizado xa noutros municipios – fixándose para o mesmo un tempo máximo de estacionamento de unha a dúas horas e a partir do cal se de pé a unha sanción.

Unha medida, que dende Vilalba Aberta – lembran – podería levarse a cabo pola vía da ampliación do plantel da Policía Local e/ou a través da contratación directa de persoal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com