Vilalba Aberta esixe a contratación de persoal auxiliar ata que se cubran as vacantes na Policía Local

Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova iniciativa no Concello, relativa á insuficiente dotación de axentes no cadro da Policía Local da localidade. Unha proposta ao Pleno, que ten por obxecto instar ao Concello de Vilalba a se dirixir á Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) a fin da contratación temporal de persoal auxiliar, namentres
non se cubran as vacantes de praza.

Critican dende a formación que, “logo de anos de continuadas baixas (traslados, xubilacións..), o Goberno non actuara e sexa precisamente agora, e en ano electoral, cando proceda a un anuncio baldeiro (o relativo á convocatoria da reivindicada oposición) sen tan sequera terse aínda aprobado a necesaria Relacións de Postos de Traballo (RPT)”. Con todo, e de aprobarse o – para Vilalba Aberta – “inaprazable proceso” de oposición libre, a fin de cubrir 3 das 4 prazas, a incorporación dos que aproben non chegará ata o ano próximo, pois, tal e como lembran dende a formación “logo das pertinentes probas, os axentes deben pasar por un período de prácticas de varios meses”.

Neste senso a súa proposta, a defender na vindeira sesión ordinaria de xaneiro, unha medida, “a única posible” a solicitar polo Concello, diante da actual situación dun corpo que, lembran, “pode pasar por un novo descenso de efectivos con dúas inminentes xubilacións, en base á aprobación da norma que permite aos/as policías locais retirarse aos 59 anos”.

“Os municipios poden e deben solicitar da AGASP o chamamento da lista para cubrir de forma inmediata as súas necesidades urxentes, sempre e cando se cumpran os requisitos legais establecidos na Lei de Coordinación”, argumentaba na mañá de hoxe o voceiro da formación, Modesto Renda. A este respecto, o edil exemplificou as carencias de persoal facendo referencia tanto á ratio recomendada pola lexislación autonómica, coma aludindo ao que ten que ver coas consecuencias directas da insuficiente dotación.

“O número de membros cos que conta actualmente o corpo (11) afástase por moito da cociente establecida pola Lei Autonómica de Coordinación de Policías Locais, e que recomenda que por cada 1.000 habitantes haxa unha media de 1,8 axentes. Neste senso, é a veciñanza a que, coma sempre, está a pagar en primeira persoa as consecuencias, coa inaceptable redución do servizo nocturno a tan só os venres, sábados e en vésperas de festivos.”

Na mesma liña se pronunciará no Pleno, a fin de conseguir o apoio dos diferentes grupos con representación na Corporación, e facendo, así mesmo, referencia aos “cada vez máis frecuentes episodios de inseguridade na vila e o polígono, así como á necesidade dunha maior cobertura das horas de entrada e de saída nos colexios, ou á necesidade dunha mellor regulación do tráfico no centro do casco urbano”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo