Vilalba Aberta levará a pleno o arranxo do vial que une Rioaveso con Román á altura da Pontiga

Vilalba Aberta volve saír ao paso das necesidades das parroquias. Logo dunha visita á de Rioaveso, a formación municipalista vén de rexistrar
unha nova iniciativa coa que pretenden dar resposta ás demandas dos seus veciños/as, pola vía do rebacheo e posterior aglomerado e limpeza de cunetas no vial que une esta parroquia coa de Román á altura da Pontiga.

Tal e como denunciou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, o tramo, polo que “día a día pasan dende o servizo de transporte escolar ata varios veciños baixo tratamento de hemodiálise”, atópase nun “estado límite de degradación e abandono”, polo que a solicitude de actuación exposta na proposición de VA redundaría nunha “importante mellora da rede de comunicacións do rural vilalbés”.

Dende hai máis de dous anos, e logo de que a parte pertencente ao Concello de Cospeito si se aglomerara, os veciños/as da zona veñen reclamando do goberno do PSOE que se execute o proxecto de renovación xa existente; mais, tal e como lamentou o voceiro de Vilalba Aberta “ninguén os está a escoitar”.

Renda, que contextualizou a iniciativa como “unha nova chamada de atención ao goberno en relación co estado da rede viaria municipal”, volveu apuntar directamente á responsabilidade do edil de infraestruturas en base ás “decenas de reclamacións e solicitudes veciñais sen contestar”, así como ao feito de que existan proxectos que non se materialicen “por simple desinterese municipal”.

Así, e ao tempo que agradeceu a confianza dos veciños/as de Rioaveso no Grupo Municipal de Vilalba Aberta, o edil apelou á responsabilidade da Alcaldesa, á que lle lembrou que os “case tres anos sen presupostos” en base á decisión do PSOE de “gobernar por decreto coas contas do PP”, está a “afogar completamente os investimentos nas parroquias”.

“Os investimentos nas parroquias non poden depender dos acordos puntuais entre VA e o goberno para a incorporación de remanentes. Urxe aprobar un presuposto que dea estabilidade ao Concello e a mellora da rede viaria municipal debera ser unha das máximas prioridades dentro destas novas contas”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com