Vilalba Aberta posibilitará a celebración dun Orgullo LGTBI en Vilalba

Un ano pasou xa dende que a veciñanza vilalbesa desbordase as previsións da convocatoria de Vilalba Aberta con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBTI. Un chamado á mobilización, pensado e deseñado meses antes a través dos continuados debates no seno da súa asemblea, que forma parte xa do imaxinario colectivo do Concello por ser nin máis nin menos que o que posibilitou a celebración por primeira na historia de Vilalba dun Orgullo LGTBI. Un fito histórico, que un 28 de Xuño de 2017 ateigou a Praza da Constitución e que neste 2018, e tal e como veñen de confirmar dende a formación asemblearia, contará coa a súa agardada continuación.

Unha nova convocatoria aberta, neste caso de cara ao vindeiro venres 6 de Xullo, coa que se busca por de novo o foco nos casos de LGBTIfobia no Concello, ademais de sumalo ás reivindicacións do colectivo nas diferentes cidades do conxunto do Estado.

Baixo o lema Orgullo baixo a Pravia: Celebrar a diversidade, reivindicar a igualdade e cun programa de actividades a comezar a partires das 18h e entre as que se inclúen música, lecturas e o Taller Contos Diversos organizado coa colaboración da Asociación de Familias de Menores Transexuais; a formación asemblearia pretende confluír por segundo ano consecutivo coa veciñanza de Vilalba na defensa das e dos que non poden expresar a súa sexualidade con liberdade, pois, e en palabras do seu voceiro, o edil Modesto Renda “ningunha sociedade pode ser considerada coma democrática e plural se se manteñen ou alimentan situacións de exclusión e de rexeitamento cara a unha parte dos seus membros”.

É por isto que chaman á participación masiva nunha xornada que levará á Praza de Suso Gayoso a visibilidade e a reivindicación dun festexo, ata o de agora, reducido no País ás celebracións das principais cidades e que rematará coa lectura dun manifesto a cargo do veciño e activista LGBTI Noel Dopazo Váquez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com